O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, asistiu este mércores 20 de marzo na Universidade de Santiago de Compostela á inauguración da exposición "As mulleres e o mar. O traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia. Séculos XIX e XX" xunto á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e a directora da Cátedra Juana de Vega, autora e comisaria de mostra, Luisa Muñoz Abeledo.
Na súa intervención, Andrade destacou que “esta exposición conecta de cheo cos obxectivos da Cátedra Juana de Vega que, ademais de estudar as iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego, ten como misión facer visible o importante papel que as mulleres, de xeito case oculto e calado, desenvolveron ao longo da historia para favorecer o progreso económico e social da sociedade rural galega. Neste caso, no eido da cadea de valor do mar, compatibilizándoo co traballo agrario para mellorar o sustento económico familiar”.
Pola súa banda, a profesora Luisa Muñoz subliñou que as protagonistas son “mulleres de clases populares, traballadoras anónimas”, que puxeron o seu esforzo “para que Galicia fora competitiva no exterior a través da industria da conserva de peixe”, que permitía “que as mulleres levaran o pan para a casa igual que os homes".
"Malia o título da mostra é moi suxestivo, en realidade busca poñer en valor o relevante papel das mulleres no proceso máis duro de industrialización do mar”, engadía a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández.

Entrada libre para a visita
A exposición inclúe varios paneis con forma de latas de conservas e un vídeo que recolle fragmentos da actividade na fábrica de Massó Hermanos a principios do século XX, e constitúe un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras que desde o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias. é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras ou conserveiras.
A mostra poderá visitarse ata o martes, 9 de abril no Pazo de Fonseca de luns a venres, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20:30h. A entrada é libre e de balde.