As conferencias programadas pola Cátedra Juana de Vega con motivo do 150 aniversario da Fundación Juana de Vega están sendo unha oportunidade para seguir achegándonos á modernización do sector primario de Galicia (s. XIX - XX), á historia das mulleres e, como non, á vida de Juana de Vega.
O pasado mércores 21, organizamos na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Fermín Penzol (Vigo) a charla "Quen leva o pan á casa?" durante a que José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, fixo unha presentación da nosa entidade. Pola súa banda, Luísa Muñoz Abeledo, directora da Cátedra Juana de Vega desde 2022, analizou a importancia do traballo feminino nas comunidades marítimas de Galicia nas que, tanto a pesca como a súa transformación, foron actividades fundamentais para as economías familiares e para o desenvolvemento económico do litoral, posto que Galicia foi a rexión líder das actividades pesqueira e conserveira de España. O marco temporal vai dende finais do século XIX ao primeiro terzo do século XX, que é cando ten lugar a modernización do sector transformador.
No relatorio destacou a gran proporción de mulleres que traballaban nos almacéns de salga no século XIX e nas fábricas de conservas de peixe no século XX, compatibilizando esta actividade co traballo agrario e con tarefas auxiliares da pesca. Elas levaban o pan a casa, coma os homes, facilitando o equilibrio orzamentario das familias do litoral galego.
Máis información sobre a Cátedra Juana de Vega, na nosa web: https://juanadevega.org/areas-de.../catedra-juana-de-vega