A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición conmemorativa do 150 aniversario do pasamento de Juana de Vega

Share

A Casa de Galicia en Madrid inaugurou onte pola tarde (19.00h) a exposición conmemorativa "Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século" promovida pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do pasamento da mecenas e filántropa.

Xunto ao director da Casa de Galicia, Javier Vázquez Prado, que deu a benvida aos asistentes, estiveron o presidente da Fundación, Enrique Sáez Ponte, e Gustavo Hervella García, coordinador e documentalista xunto ao comisario, Xosé Ramón Veiga.

Os tres coincidiron en resaltar o perfil e traxectoria vital dunha “muller excepcional” e un legado que continúa vivo adaptándose á sociedade actual. Javier Vázquez amosou a súa satisfacción porque a Fundación Juana de Vega elixise a Casa de Galicia para dar a coñecer en Madrid, durante todo un mes, a figura de Juana de Vega. “Unha muller de gran relevancia na sociedade galega do século XIX, referente feminino do liberalismo progresista da súa época, pero sobre todo, implicada en impulsar movementos sociais co fin de mellorar a vida dos máis desfavorecidos e defender os dereitos da muller”.

Na mesma liña pronunciouse o presidente da Fundación, Enrique Sáez: “Esta mostra busca difundir a intensa vida dunha muller que tivo grande influencia na complexa España do século XIX. Sempre tentando colaborar para modernizala e axudando aos máis desfavorecidos. Sempre traballando con eficacia e coa discreción que requiría no seu tempo a súa condición feminina”.

Xa por último, Gustavo Hervella foi o encargado de presentar o contido dos vinte paneis que resumen os momentos máis destacados da súa biografía ata o seu falecemento en 1872. “Esta exposición amosa a Juana de Vega no seu esplendor, dándoa a coñecer ao gran público e situándoa nun lugar que merece polas súas accións e polo seu pensamento. Ela representa a esas mulleres esquecidas do século XIX, centuria que tamén foi súa”, sinalou.

Un mes
A mostra poderá visitarse ata o 5 de xaneiro en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00h; os domingos e festivos de 10.00 a 14.00h.

Promovida en 2022 pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da mecenas e filántropa, a exposición conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades; así como coa colaboración da Casa de Galicia en Madrid e de máis dunha vintena de institucións, públicas e privadas, que conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.

Poderá visitarse ata o 5 de xaneiro, de luns a domingo en horario de mañá e de tarde.