A avea negra autóctona impulsa a innovación galega coa presentación dos primeiros prototipos cosméticos e alimentarios

Share

Hoxe, durante todo o día, o consorcio do Grupo Operativo Avea Moura presentou os primeiros resultados desta investigación aplicada durante unha xornada de transferencia moi concorrida en Granxa Maruxa, Monterroso (Lugo). Ademais dos socios, colaboradores e público en xeral, entre os asistentes había empresas do sector interesadas en descubrir o potencial de “un cereal milenario que naceu en Galicia, conquistou Europa e agora regresa para reivindicar o seu lugar no futuro da agricultura sostible de Galicia”, explicou Bernardo Ordás López, científico titular do Grupo de Adaptación y Sostenibilidad de Cultivos da Misión Biolóxica de Galicia e coordinador do Grupo Operativo Avea Moura.

“A avea negra galega destaca pola súa resistencia, polos seus beneficios para a saúde e polo seu potencial na creación de produtos innovadores. Alta cociña, panadería e cosmética uníronse nesta xornada para recuperar esta xoia esquecida do noso campo e abrir novas vías de desenvolvemento rural. Hoxe, este é un espazo para compartir coñecemento, inspiración e novas oportunidades entre profesionais e amantes do sector”, continuaba Ordás.

Xunto á Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), os socios deste proxecto de I+D+i aplicado son a Fundación Juana de Vega, a Cooperativa Muuhlloa e o restaurante Estrella Michelín Culler de Pau. Contan coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) - AGACAL (Consellería do Medio Rural), do Instituto Ourensán de Desenvolvemento (INORDE), a Universidade da Coruña e de Santiago de Compostela e de Panadería Dacunha.

Desde os seus inicios en setembro de 2023, o Grupo Operativo Avea Moura, dedicado á recuperación e valorización da avea negra galega (Avea strigosa), logrou importantes avances na creación de novos produtos alimentarios e cosméticos a partir desta variedade autóctona, destacando o seu potencial funcional e o seu valor engadido para o sector agroalimentario e a saúde. De feito, de entre todos os cereais, a avea negra é a que presenta unha maior porcentaxe de compostos funcionais.

Nos últimos dous anos, realizáronse 6 ensaios agronómicos de 6 variedades tradicionais (Erbo, Estrada, Meis, Padornelo, Pastoriza e Xoio) en campos das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, confirmando que a avea negra é un cultivo rústico e perfectamente adaptado ás condicións de Galicia. Ademais, as análises químicas do gran encargados á Universidade de Santiago de Compostela confirmaron a presenza de compostos de alto valor como as avenantramidas ou o ácido azelaico. Este ano, ampliaranse as análises aos prototipos alimentarios e cosméticos que hoxe se puideron ver, probar e degustar en Monterroso.

Tres prototipos
No ámbito gastronómico, o restaurante Culler de Pau desenvolveu e testeou diversas preparacións innovadoras con base avea negra como unha bebida fermentada, un “Garum”, e unha salsa tradicional galega tipo allada. “Estas creacións demostran a versatilidade e riqueza organoléptica da A. Strigosa”, transmitían desde o restaurante. O chef Javier Olleros tamén avanzaba que xa implementaron algún destes pratos con avea negra no seu menú e nos próximos meses seguirán experimentando e desenvolvendo novos produtos tipo Kvass (bebida fermentada tradicional de Europa do Leste) ou unha gama de Sakes.

Pola súa banda, a cooperativa cosmética Muuhlloa formulou un prototipo de crema facial para peles sensibles con rosácea e un hidratante vaxinal, ambos en fase de testeado e mellora, abrindo novas posibilidades en cosmética natural baseada en ingredientes locais e sostibles. "Seleccionamos as variedades máis ricas en bioactivos para desenvolver estes dous cosméticos ecolóxicos aos que sumamos ingredientes producidos en Granxa Maruxa e Milhulloa", explicaron as socias da cooperativa.

Por último, Panadería Dacunha constatou que a incorporación dun 20-30% de avea negra na mestura panificable permite obter pans óptimos, con sabor e cortiza diferenciados, ademais dun perfil nutricional interesante. As probas confirmaron tamén a singularidade das variedades galegas fronte ás comerciais, en formatos que van desde moletes ata barras ou tamaños especiais. “A avea negra galega demostrou o seu potencial panadeiro nestas probas de panificación”, valorou Roberto López, director de fábrica en Dacunha.

A importancia do I+D+i: de forraxe a cereal multifuncional
A avea é o quinto cereal en importancia mundial para alimentación humana. Actualmente, das tres principais especies cultivadas, a variedade autóctona A. strigosa foi moi importante en Galicia para alimentación animal ata os anos 80 do s. XX, sufrindo despois unha importante regresión asociada ao abandono do campo.

Desde hai uns anos, o cultivo nacional foi aumentado debido ás súas vantaxes para o medio ambiente e a saúde humana, aínda que o seu potencial estaba, ata o de agora, infrautilizado e non fora estudado en detalle para buscar novos usos que puidesen proporcionarlle maior valor económico. Este “nicho” foi identificado polo consorcio do Grupo Operativo Avea Moura e nel seguirá investigando ata setembro de 2026, data na que se presentarán os produtos cosméticos e alimentarios definitivos. Neste sentido, Alfonso Ribas, director de Innovación e Investigación da Fundación Juana de Vega, subliña que “os Grupos Operativos da EIP-AGRI proporciónannos o marco de cooperación, financiamento e avaliación que fai posible transformar coñecemento en prototipos e, despois, en solucións de mercado con impacto no medio rural”.

O potencial esquecido dos cereais autóctonos
Varias son as vantaxes de produción da Avea strigosa. Debido á súa gran rusticidade presenta unha gran tolerancia á seca, necesita menor achega de insumos (auga, fertilizantes e fitosanitarios) e hai un menor risco de perda da colleita debido a tensión biótica ou abiótica.

Fronte a outros cultivos, é máis resistente ao cambio climático, adecuándose ás esixencias de sostibilidade da Unión Europea. Tamén lle afectan menos as deficiencias no manexo agronómico e, aínda que o solo sexa pobre e ácido tampouco supón unha limitación para o seu crecemento á vez que respecta a biodiversidade dos ecosistemas onde medra. Aínda que o seu rendemento é menor que outras variedades, como apuntou Bernardo Ordás, “isto é algo que tamén se pode estudar e mellorar”.