Na Fundación Juana de Vega buscamos un graduado en educación superior para traballar na execución e xestión do proxecto europeo INTERREG SUDOE ECOSPHEREWINES “Mellora de servizos ecosistémicos e infraestruturas verdes en zonas vitícolas de alto valor ecolóxico”.
DESCRICIÓN
A Fundación Juana de Vega (FJDV) é unha entidade privada sen ánimo de lucro dedicada a promover o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento do medio rural de Galicia. Con especial atención á formación da súa poboación activa, á preservación do seu medio natural e humano, así como á mellora da súa base económica e actividades relacionadas.
Na Fundación Juana de Vega promovemos un ambiente laboral colaborativo e dinámico, onde valoramos a sustentabilidade, a aprendizaxe continua e o impacto positivo no medio rural galego.
A FJDV é a principal beneficiaria do proxecto SUDOE ECOSPHEREWINES, aprobado na primeira convocatoria do programa SUDOE 2021-2027. O obxectivo do proxecto é mellorar os servizos ecosistémicos que prestan as paisaxes agrarias do viñedo mediante a implantación dunha rede de infraestruturas verdes en zonas de alto valor ecolóxico como estratexia centrada na súa conservación e xestión sostible, buscando a mellora da biodiversidade e aumentando a súa resiliencia fronte ao cambio climático.
Buscamos incorporar ao noso equipo un/unha titulado/a superior para darlle apoio na xestión e coordinación da execución técnica deste proxecto.
PRINCIPAIS RESPONSABILIDADES
- Coordinación, planificación, desenvolvemento e seguimento das actuacións vinculadas ao proxecto.
- Preparación, organización e dinamización de reunións de traballo cos socios do proxecto e outros axentes implicados.
- Redacción de informes e documentos técnicos relacionados co proxecto.
- Seguimento, avaliación, xustificación técnica e económica do proxecto.
- Organización de obradoiros, xornadas e procesos participativos cos axentes do territorio.
- Calquera outra función relacionada coa execución e coordinación do proxecto.
REQUISITOS
- Grao en Paisaxe, Enxeñaría Agronómica ou titulación similar.
- Bo nivel de expresión oral e escrita en castelán, galego e inglés. Valoraranse outros idiomas, especialmente francés e portugués.
- Coñecementos informáticos: ademais do paquete Office, o dominio dos Sistemas de Información Xeográfica (QGIS ou similar) será unha vantaxe.
- Habilidades de planificación, xestión de proxectos europeos e comunicación.
- Capacidade de traballo en rede e coordinación con outras entidades.
- Capacidade para traballar con prazos.
- Dispoñibilidade para viaxar.