Novas / Investigación

Visita de seguemento do proxecto de mellora xenética do carballo.

Oleiros, 5 de xuño de 2017

O pasado mércores 31 de xuño levouse a cabo unha reunión de traballo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán entre a Fundación Juana de Vega, representada polo presidente Enrique Sáez e polo director José Manuel Andrade, e o referido Centro de Investigación dirixido por Enrique Martínez, para efectuar o seguimento dos avances e resultados do proxecto en común “Implantación de rodais selectos mellorados de carballo (Quercus robur) en terreos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia”. Este proxecto naceu grazas ao Convenio de colaboración asinado en marzo de 2015 entre a citada Fundación e INGACAL, do cal depende o Centro de Investigación. 

Dentro do marco do proxecto, trala selección e recollida de landras nos rodais selectos de carballo de Galicia, realizouse a sementeira en dous viveiros colaboradores, Viveros Costa de Lóngaras (Abadín – Lugo) e Centro Forestal Rías Baixas (Vilaboa – Pontevedra). Nestes momentos a planta de 18 meses estase desenvolvendo a raíz espida e aproveitouse o encontro entre a Fundación e o equipo de investigación de Lourizán para visitar o viveiro Centro Forestal Rías Baixas e comprobar no terreo o seu estado actual.

Lémbrase que se trata dun proxecto para conservar o carballo galego, que continuará coa instalación de varios rodais selectos de titularidade pública no ano 2018, que constituirán un auténtico reservorio xenético de carballo na xeografía galega.


Actividades relacionadas

Implantacion de rodais selectos mellorados de carballo (Quercus Robur) en masas comúns ou terreos públicos de Galicia

A Fundación Juana de Vega impulsa e financia un proxecto de investigación que desenvolverá o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, da Xunta de Galicia, para a mellora xenética do carball...


Comentarios