Novas / Investigación

Só o 1 por cento da facturación dos parques eólicos reverte actualmente no rural galego

18 Xaneiro 2011

#eólico #forestal

A Fundación Juana de Vega e a Universidade de Vigo editan unha guía para asesorar aos propietarios de montes, que son o elo máis feble na negociación coas grandes empresas eólicas.

Este manual é un dos resultados do traballo de investigación que financia a Fundación Juana de Vega para analizar o impacto económico e social do sector eólico en Galicia.

Un mes despois da resolución do maior concurso eólico na historia de Galicia, esta publicación ten como obxectivo ofrecer información aos propietarios de montes para que obteñan o máximo rendemento na creación de parques eólicos

Oleiros, 20 de decembro de 2010.- Transcorrido un mes desde que se fixo pública a resolución do maior concurso eólico da historia de Galicia, polo que se adxudican 2.325 megavatios, a Fundación Juana de Vega pon a disposición dos propietarios de montes unha guía coas claves a ter en conta no proceso de negociación coas empresas eólicas e ofrécelles a posibilidade de asesoramento e orientación no proceso de negociación.

O obxectivo é tratar de reducir a asimetría de información existente e contribuír a que os propietarios de montes obteñan uns mellores rendementos derivados da ocupación dos seus terreos por parques eólicos.

A presentación desta guía celebrouse esta mañá na sede da Fundación Juana de Vega, un acto ao que asistiron, ademais do presidente da entidade, Enrique Sáez, e o seu director, José Manuel Andrade; o profesor titular do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández e o investigador Damián Copena Rodríguez.

No transcurso da presentación Enrique Sáez recordou que a Fundación Juana de Vega sempre estivo vinculada ao desenvolvemento do medio rural, polo que a edición desta guía era necesaria para contribuír a que o sector da enerxía eólica contribúa na maior medida posible a este desenvolvemento, para o cal é preciso limitar a situación de desequilibrio que se xera nas negociacións entre as empresas eólicas e os propietarios de montes para a ocupación dos terreos. Neste sentido, lembrou que ?é preciso fortalecer a posición do elo máis feble neste proceso, que é o propietario do medio rural?. Por outra banda, quixo deixar claro que en todo momento pártese da premisa da gran importancia do sector da enerxía eólica, para concluír que o que se intenta é lograr o máximo rendemento para o medio rural, xa que, en ocasións, a enerxía eólica é unha das poucas oportunidades que ten o campo galego para por en valor os seus terreos.

Na mesma idea insistiu Xavier Simón, que considera que a enerxía eólica ten grandes potencialidades ecolóxicas, económicas e sociais. Tamén sinalou que existen moitos casos nos que non se produce a simetría esperada nas negociacións entre os promotores de plans eólicos, os pequenos promotores privados e os propietarios de montes que non están estruturados a través de plataformas ou grupos que os fortalezan. Polo tanto, a guía presentada hoxe ten como obxectivo ofrecer consellos e boas prácticas aos afectados para axudarlles a que as negociacións sexan o menos desequilibradas posible.

Neste sentido, Xavier Simón indicou que nas súas investigacións detectaron que as condicións económicas son moi variables e predominan as rendas baixas, revertendo no rural só o 1 por cento da facturación dos parques eólicos. Trátase duns resultados moito menores en comparación con outras zonas de España e ademais existen notables diferenzas entre os promotores. ?Hai algúns que pagan moi ben e outros que pagan moi mal?, asegurou o profesor, para engadir que esta guía pretende facerlles ver aos propietarios cuestións fundamentais nunha negociación, como por exemplo a que se refire ás modalidades de ocupación dos terreos. ?Sempre é mellor un mal acordo que unha boa expropiación?, sinalou Simón, citando como exemplo o caso dunha comunidade de montes que tras litigar viuse finalmente abocada á expropiación, recibindo un total de 240.000 euros, cando a empresa está facturando un total de 3 millóns de euros ao ano.

Tamén mencionou o profesor outros casos abusivos como contratos de 30 anos nos que as rendas non se actualizan polo IPC ou promotores que pagan a mesma cantidade sexa o ano 1 ou o ano 15. Tamén manifestou Simón que na maioría dos casos os propietarios non coñecen a facturación estimada do parque, o cal constitúe un dato fundamental na negociación.

Con respecto á negociación, recordou o investigador que o firmado non se pode modificar, pero agora ábrese unha nova oportunidade, coa adxudicación dos 2.325 megavatios, de realizar negociacións xustas e abrir o abano dos rendementos para os propietarios, xa que as diferenzas económicas poden ser abismais, oscilando entre pouco máis de 2 millóns e os 26 millóns de euros ano en función das modalidades de contrato que se subscriban coas empresas.

A guía distribuirase de forma gratuíta entre os propietarios que a soliciten e tamén estará dispoñible na páxina web da Fundación Juana de Vega e da Universidade de Vigo (www.uvigo.es). Ademais, ambas institucións prestarán asesoramento e orientación as comunidades de montes e aos propietarios que o precisen.


Novas relacionadas

A Fundación Juana de Vega organiza unha xornada para informar aos propietarios de montes sobre aspectos a ter en conta nas negociacións coas empresas eólicas.

A entidade editou unha guía na que figuran consellos para reducir a asimetría de información entre as partes negociadoras, que prexudica ao eslavón máis débil, os propietarios de montes. A xorn...

Aconsellan aos donos de chan eólico que «é mellor un mal pacto que unha boa expropiación»

Fortalecer a posición do máis débil. Ese é o principal obxectivo dos autores da Guía para vos propietarios de terreos eólicos publicada pola Fundación Juana de Vega e a Universidade de Vigo. «...

Unha investigación da Universidade de Vigo, financiada pola Fundación Juana de Vega, analizará o impacto económico e social da enerxía eólica no rural galego.

A investigación dotará de maior transparencia o proceso de negociación entre as empresas eólicas e os propietarios dos montes....


Actividades relacionadas

Impacto económico e social da enerxía eólica no mundo rural gallego

A Fundación Juana de Vega financia unha investigación para analizar o impacto económico e social da enerxía eólica no rural galego....


Comentarios