Novas / Escola Galega da Paisaxe

Presentación do seminario anual das paisaxes de montaña e actividades económicas organizado pola Fundación Juana de Vega

Un novo espazo de debate e intercambio acerca da cultura propia das paisaxes galegas de montaña e a súa repercusión económica, que terá lugar do 26 ao 28 de outubro, no concello de A Veiga, Ourense.

Oleiros, 3 de outubro de 2018.- A Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, coa colaboración do Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE-IDEGA-USC), presentou hoxe  o seminario anual "Paisaxes de Montaña e Actividades Económicas. Seminario das paisaxes das montañas galegas en Trevinca". Un novo espazo de debate e intercambio acerca da cultura propia das paisaxes que terá lugar do 26 ao 28 de outubro no concello de A Veiga, Ourense. A presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta Rodríguez, o coordinador do curso, Valerià Paül, e o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.

O obxetivo deste presente curso sitúase na problemática da sustentabilidade presente e futura das paisaxes de montaña, de xeito que nos preguntamos que actividades económicas se poden desenvolver nas paisaxes de montaña sen comprometeren os valores e as calidades que atesouran. Isto comporta non só facerse eco de experiencias que poidan ser de utilidade aquí, senón tamén avaliar o que se está xa a desenvolver no resto do territorio galego. Estas paisaxes conforman realidades singulares a cabalo das dimensións materiais e inmateriais que posúen uns valores singulares e unha alta calidade paisaxística.

Este seminario persegue tamén sensibilizar o sector empresarial na cuestión paisaxística, detectar oportunidades económicas vencelladas á xestión da paisaxe para futuros emprendedores/as e, en definitiva, conformar un espazo de intercambio entre o mundo económico-empresarial e o da sensibilidade paisaxística.  O formato do seminario será o xa experimentado en pasadas edicións con intervencións de expertos e expertas na materia de recoñecido prestixio, visitas ao campo nas que poder observar sobre o terreo as cuestións tratadas e unha parte de debate e obradoiro, en chave de propostas proactivas de futuro para dinamizar o rural en base á paisaxe.

O curso está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, tanto a poboación local como o público especializado. O Concello da Veiga premiará o mellor proxecto empresarial que xurda no seminario e que se pretenda desenvolver neste mesmo concello. Este premio asignarase a partir dunha avaliación por parte da organización e do propio Concello e que terá en conta a adecuación dun proxecto empresarial ao eixo central deste seminario: o desenvolvemento, entendido de forma integral, nas paisaxes de montaña desde unha óptica sustentábel. O proxecto escollido para o premio terá que presentarse á fase selectiva do programa de emprendemento da Fundación Juana de Vega. Se pasa á segunda fase, o premio consistirá no pago da cota de inscrición e das dietas de desprazamento e manutención para a realización da fase II dese programa, coa condición de que a iniciativa empresarial se implante de forma efectiva a terceira fase en 2019 no territorio do concello da Veiga.

Tódalas persoas interesadas na materia que queiran realizar o curso, poderán matricularse ata o día 23 de outubro aquí. Neste senso, o alcalde da Veiga dixo que "xa hai persoas que están matriculadas, incluso xente do municipio está interesada no curso para emprender na Veiga" e afirmou que "os proxectos se fan realidade cando a poboación local se involucra ao 100%".

O coordinador do Seminario destacou que esta cuarta edición vén a continuar "cunha serie establecida que está a funcionar moi ben e que cada ano trata de ofrecer unha perspectiva distinta: o primeiro ano centrouse especificamente nas montañas de Trevinca, na segunda edición foi sobre turismo e na terceira sobre a cultura e a paisaxe, que vén a completarse nesta ocasión coas posibles actividades económicas que poden desenvolverse nestas paisaxes".

Pola súa parte, José Manuel Andrade dixo que esta iniciativa encadra con "dúas das preocupacións da Fundación Juana de Vega: a parte da paisaxe e a parte das actividades económicas que contribúen ao desenvolvemento rural".


Actividades relacionadas


Comentarios