Novas / Investigación

Os viveiros que produzan coa norma da planta ornamental levarán o selo de "Galicia Calidade"

Na firma do convenio, na Fundación Juana de Vega, estiveron presentes os conselleiros de Industria e Medio Rural, Francisco Conde e Ángeles Vázquez; o vicepresidente de Asvinor, Jaime Fernández Cornide, e o presidente da Fundación, Enrique Sáez.

O obxectivo é lograr unha maior diferenciación da planta de Galicia nos mercados e mellorar desta maneira a competitividade dun sector cun elevado potencial de desenvolvemento.

Oleiros, 23 de agosto de 2016.- A Fundación Juana de Vega acolleu hoxe a firma dun convenio entre Galicia Calidade e a Asociación de Viveristas del Noroeste (Asvinor), para que os produtores de planta ornamental de Galicia, que produzan de acordo coa Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, elaborada pola Fundación Juana de Vega en colaboración co sector, poidan levar como distintivo o selo de Galicia Calidade. O obxectivo final é lograr unha maior diferenciación da planta de Galicia nos mercados, tanto nacionais como estranxeiros, e así mellorar a competitividade dun sector que en Galicia, ten un elevado potencial de desenvolvemento futuro.

No acto estiveron presentes o conselleiro de Industria, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, así como o vicepresidente de Asvinor, Jaime Fernández Cornide, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez.  Mediante este convenio, que terá unha duración inicial de tres anos, Asvinor fará, co asesoramento de Galicia Calidade, as auditorías e os controis necesarios para garantir que a produción dos seus asociados estase a facer segundo a norma redactada pola Fundación Juana de Vega.

Enrique Sáez lembrou o proceso que se seguiu ata chegar á firma do convenio e recordou que este é "o tempo dos emprendedores" e que para eles o labor será máis doado con esta "norma que orienta e vai facer  crecer o sector".

Pola súa banda, o vicepresidente de Asvinor, Jaime Fernández, agradeceu o apoio da Xunta e a Fundación Juana de Vega e destacou a "potencialidade" dos produtores, nun sector "forte en Galicia" e que é "unha alternativa a outros cultivos nunha fase de declive". Así mesmo, destacou a singularidade e a importancia da norma: "Non hai outra comunidade cunha normativa así".

Enrique Sáez Presidente da Fundación Juana de Vega, Ángeles Vázquez Conselleira de Medio Rural, Francisco Conde Conselleiro de Industria, Jaime Fernández Cornide Vicepresidente de Asvinor.

Ángeles Vázquez agradeceu o labor da Fundación Juana de Vega, por estar sempre "pendiente do fundamental: a nosa terra". A conselleira de Medio Rural asegurou que Galicia ten "as mellores condicións edafoclimáticas" para o cultivo da planta ornamental pero que "o mercado globalizado esixe cada día máis", polo que a norma e o convenio con Galicia Calidade facilitarán aos emprendedores un camiño máis doado para "seguir traballando a prol da terra" e avanzar "de ser únicos en España a ser únicos en Europa".

Francisco Conde, quen afirmou que o desenvolvemento da economía ten que seguir co "espírito de colaboración entre o eido público e o privado", puxo en valor "a excelencia do traballo realizado pola Fundación Juana de Vega" nestes anos, que pon a Galicia "á vangarda de España" como "a primeira comunidade cunha norma de calidade" neste eido que agora se complementa co convenio con Galicia Calidade, o que permite unha maior "vinculación co territorio e coa calidade". O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o sector –do que o 80% está agrupado en Asvinor– dá emprego directo a 1.500 persoas, "o 90% vinculados ao mundo rural e, sobre todo, son mulleres". Ademais, lembrou que "exporta o 20% da súa produción" e a firma deste convenio "marca o camiño para seguir medrando". Por último, Francisco Conde destacou que xa hai "83 empresas vinculadas a Galicia Calidade e 300 produtos", o que supón en empregos "unhas 5.000 persoas e o 4,5% do PIB" galego. Neste sentido, o conselleiro incidiu nos últimos sectores incorporados a Galicia Calidade, a biomasa e o hoteleiro, "aos que agora se suma tamén a planta ornamental".

A firma deste acordo chega despois da elaboración da Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, por parte da Fundación, que se redactou en colaboración co sector produtor, técnicos e da Xunta de Galicia e comercializadores de planta. Outro dos antecedentes que fixo posible este acordo foi a creación por parte de Asvinor da marca colectiva "Planta ornamental de Galicia", que poderán empregar todos aqueles produtores que traballen segundo os estándares recollidos nesta norma. Agora, coa sinatura deste convenio, aqueles produtores que produzan de acordo coa norma de calidade, usen a marca “Planta Ornamental de Galicia”, poderán tamén empregar o distintivo “Galicia Calidade” o que contribúe a lograr unha maior diferenciación do produto vinculado á marca Galicia, que conta prestixio e recoñecemento, tanto en España como nos principais países nos que se comercializa a planta producida na nosa Comunidade.

Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia

A Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia, que se presentou hai dous anos, naceu para tratar de resolver os problemas do sector, afectado por unha forte atomización e unha falta de asociacionismo que provoca dificultades para competir e acceder aos mercados exteriores. Neste sentido, Galicia conta cunha vantaxe competitiva, determinada polas condicións climáticas e edafolóxicas, o que permite un potencial para a produción superior ao da maioría do territorio nacional. Ademais a planta de Galicia é moi valorada nos mercados exteriores pola súa rusticidade e capacidade de adaptarse a condicións climáticas máis duras que a planta producida noutras zonas do territorio nacional, como Cataluña, Valencia ou Andalucía, polo tanto, “neste contexto resulta imprescindible a diferenciación”, sinalan desde a Fundación Juana de Vega.

Para acadar esta diferenciación a Fundación Juana de Vega iniciou a finais do ano 2009 varias reunións de traballo coa Asociación de Produtores de Plantas Ornamentais de Galicia (hoxe ASVINOR), viveiristas non integrados na asociación, representantes da Consellería do Medio Rural e membros das principais comercializadoras de planta de Galicia, nas que se puxo de manifesto a necesidade de elaborar unha normativa que permita alcanzar uniformidade e homoxeneidade en canto a formatos e poder ofrecer así planta de diferentes produtores nun mesmo lote aos mercados que demandan grandes volumes. Ademais esta norma serviría de base para a creación da marca colectiva “Planta Ornamental de Galicia”, que hoxe xa é unha realidade.

A norma apóiase en tres piares: estandarización, para homoxeneizar tamaños, altura e proporción das distintas especies; medioambiente, co obxectivo de seguir criterios sostibles na produción, e trazabilidade, para garantir o seguimento da planta, coñecer a súa historia, desde a orixe do material vexetal, ata localización e a traxectoria que seguiu ao longo da cadea de fornecemento.

O índice de estandarización da norma de calidade, elaborado de forma conxunta cos representantes do sector, inclúe nove puntos fundamentais: características xerais, árbores latifolias, coníferas, arbustos, azalea, camelia e rododendro; palmeiras, bambú, herba ornamental e fieitos, trepadoras e árbores exemplares.

O sector de produción da planta ornamental en Galicia está formado por arredor duns 130 viveiros, dos que están en funcionamento apenas o 50%. O sector xera na comunidade autónoma, uns 1.500 empregos, sendo un 90% dos mesmos mao de obra feminina no rural. A facturación anual ascende a uns 40 millóns de euros, dos que un 20% corresponde a exportación, sendo os países de destino da planta ornamental de Galicia, por orden de facturación, Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal. Por outra banda, Galicia é, con diferenza, a maior produtora de camelia a nivel europeo. En outras producións, como hortensia, rododendro, azalea, abelia, acebo, coníferas de peches, é das maiores produtoras a nivel nacional.


Comentarios