Novas / Outras

Hoxe estréase no Teatro Rosalia na Coruña, a película “Juana de Veiga. Vizcondesa do Arado”.

6 Marzo 2017

#juanadevega

Producida por Zenit TV, relata a vida da nosa fundadora Juana de Vega, unha das mulleres pioneiras en España na defensa da xustiza e a loita contra a desigualdade social.

O filme está dirixido por Zaza Ceballos e ten como protagonistas ás actrices Sonia Castelo e Luisa Merelas, que lle dan vida a Juana en dúas etapas da súa vida.

A película “Juana de Vega. Vizcondesa do Arada” producida por Zenit TV en colaboración, entre outros, coa Cátedra Juana de Vega, está centrada na vida de Dona Juana Mª de la Vega e Martínez, fundadora da Fundación Juana de Vega e figura clave do século XIX, destacada loitadora contra a inxustiza e as desigualdades sociais. A película pretende reivindicar a figura desta coruñesa, que tivo unha enorme influencia na vida social e política de España.

A película, que se estrea hoxe día 6 de marzo ás 19:30 horas no Teatro Rosalía da Coruña,  está dirixida por Zaza Ceballos e protagonizada por Sonia Castelo e Luisa Merelas con guión de Miguel Anxo Murado.

Completan o elenco recoñecidos actores e actrices como Branca Cendán, Miquel Insua, Xoel Fernández, Fina Quella, Iván Marcos, Lino Braxe, Casilda Alfaro, Iria Parada, Luísa Martínez, María Tasende, Adrián Castiñeiras, Ana Sanmartín, Sergio Quintana e Carlos Olalla.

O filme comeza en 1871, cando, tras unha vida intensa e xa ao final dos seus días, Juana de Veiga dita o seu testamento na súa casa da Coruña. A súa gran preocupación é deixar en marcha o seu último proxecto: unha Granxa - Escola para os campesiños da zona. Ante a curiosidade do avogado por este interese case obsesivo de Juana, esta inicia o relato das historias da súa vida.

Mulleres galegas na historia

Este proxecto inscríbese dentro da liña comezada pola produtora Zenit Televisión de adaptar á televisión as biografías de destacadas mulleres galegas pioneiras na arte, na ciencia ou no pensamento, como foron Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, das que xa se realizaron as correspondentes películas: “Juana de Vega. Vizcondesa do Arado” incluirá, como as anteriores, un documental e unha unidade didáctica complementarios. A colección é un proxecto producido e dirixido por mulleres, centrado en guións sólidos e á vez entretidos, pensados para o gran público, cun claro contido cultural e divulgativo e contando coa participación de institucións autonómicas e estatais.

A película estrearase ademais o 8 de marzo, Día Internacional da muller, en prime time na TVG.


Comentarios