Novas / Escola Galega da Paisaxe

Dúas fundacións culminan o traballo conxunto de posta en valor do patrimonio paisaxístico da Terra Chá nunha guía de boas prácticas para a súa conservación

A Fundación Juana de Vega, a través da súa Escola Galega da Paisaxe, abordou a elaboración do estudo, impulsado e financiado pola Fundación Blas de Ponte de Outeiro.

Á presentación do documento, celebrada hoxe en Castro de Rei, acudiron o alcalde da localidade e a conselleira de Medio Ambiente, ademais dos presidentes das dúas fundacións que participaron no impulso e elaboración do estudo.

Oleiros, 8 de xullo de 2016.- A Casa do Concello de Castro de Rei (Lugo) acolleu hoxe a presentación da Guía de Boas Prácticas Paisaxísticas na Terra Cha, elaborada polo Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, impulsada e financiada pola Fundación Blas de Ponte de Outeiro. O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, e o secretario da Fundación Blas de Ponte de Outeiro e presidente do Grupo Agroamb, Severiano Ónega. Ademais, acudiron veciños da zona interesados por coñecer a análise paisaxística da súa contorna cotiá e o xeito en que poden contribuír á súa conservación e posta en valor.

Esta guía ten como obxectivo aproximar á poboación da Terra Chá á súa paisaxe, descubrir con ela o seu valor e propoñer recomendacións nas intervencións sobre os elementos do territorio que axuden a un desenvolvemento sostible do medio rural e á súa mellora paisaxística, contribuíndo á revitalización patrimonial e socioeconómica da contorna. Así, propón fórmulas para atopar o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación dun valioso patrimonio tradicional e natural, acadar a integración harmoniosa do conxunto, onde as edificacións, cultivos e espazo público poidan ser lidas como unha unidade, e mesmo entender as especificidades da paisaxe da zona e a súa relación cos elementos construídos. O documento remata cun decálogo de boas prácticas e recomendacións específicas co fin de contribuír a que a integración paisaxística se desenvolva dun xeito sinxelo e de calidade.

No transcurso do acto, a conselleira apelou á sensibilización e ao compromiso de toda a sociedade para protexer e conservar a paisaxe galega e cualificou o documento presentado hoxe como un magnífico complemento a nivel local ás iniciativas en materia de paisaxe que está a impulsar o goberno galego. “Hai poucas cousas que definan tanto a Galicia e aos galegos como a paisaxe”, considerou Mato, quen salientou a especial importancia que a paisaxe ten nesta comarca “que leva as súas grandes chairas na raíz do seu xentilicio”.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega subliñou o feito de que este traballo sexa o froito da iniciativa da sociedade civil, e que foran dúas fundacións privadas as que fixeran realidade este proxecto. A directora da Escola Galega da Paisaxe explicou o contido desta guía, que cualificou como moi importante para que a xente sexa consciente do valor do patrimonio tan fantástico que ten. Neste documento faise unha profunda análise paisaxística e patrimonial da Terra Chá, estudando fundamentalmente catro puntos: os camiños e sendeiros, edificacións de vivendas, edificacións industriais e peches. “Eses elementos articulan, coa vexetación e a natureza, a calidade desa paisaxe”, explicaba Isabel Aguirre, para engadir que é necesario poñelo en valor para que a xente se sinta orgullosa do seu patrimonio paisaxístico, o conserve, coide del, e transmita esa mensaxe. 


Novas relacionadas

A Guía de Boas prácticas paisaxísticas na Terra Chá recibe unha mención especial nos Premios Somos Paisaxe

A Guía de Boas prácticas paisaxísticas na Terra Chá, traballo elaborado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Fundación Blas Ponte de Outeiro obtivo unha mención especial  por repr...


Actividades relacionadas

Estudo para a mellora e a potencialización dos valores paisaxísticos do concello de Castro de Rei

A Fundación Juana de Vega e a Fundación Blas de Ponte de Outeiro asinaron un convenio de colaboración para a realización dun estudo de mellora e potenciación dos valores paisaxísticos de parte d...


Comentarios