Novas / Investigación

Crease o Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia, que ten como obxectivos identificar as dinámicas do mercado de terras rústicas en Galicia

Crease o Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia, que ten como obxectivos identificar as dinámicas do mercado de terras rústicas en Galicia, dotalo dunha maior transparencia tanto para axentes privados e públicos, e ofrecer información relevante para a adopción de políticas públicas que permitan unha máis efectiva mobilización produtiva das terras.

Santiago, 29 de decembro de 2016.- As Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e de Medio Ambiente e Territorio, Beatriz Mato, o Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño, e o Presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, veñen de asinar un convenio para o seguimento da mobilidade e do mercado da terra agraria en Galicia, así como para o intercambio de información entre estas entidades.

A través da sinatura deste documento establécese unha metodoloxía de seguimento da mobilidade de terras rústicas de Galicia para mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan a nivel parroquial/municipal e no conxunto da Comunidade, co obxectivo de ofrecer a todos os axentes implicados información válida para a toma de decisións. O fin último é poder deseñar e implantar políticas que melloren o aproveitamento da terra o dos recursos do territorio.

A través desta colaboración espérase identificar os obstáculos e problemas existentes para o funcionamento dos mercados da terra e buscar posibles solucións, co fin de aumentar a base territorial das explotacións agrícolas e gandeiras e poñer a disposición de novas iniciativas empresariais no eido rural, terras en estado de abandono para a súa posta en produción.

Firma convenio

Inicios do observatorio

Este convenio que agora se vén de asinar, xorde das propostas e recomendacións que resultaron do proxecto “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial” desenvolvido nos anos 2013 e 2014 entre Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Fundación Juana de Vega e a USC. Neste proxecto analizáronse as distintas fontes de información relevantes para o estudo da mobilidade e identificáronse obstáculos á mesma, e sobre todo avanzouse nunha metodoloxía de intercambio e tratamento de datos que agora terá continuidade no tempo a través do Observatorio.

Deste proxecto concluíuse que as fontes máis axeitadas para obter información sobre as dinámicas de mobilidade de terras son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais. Tamén era preciso acceder ao Sistema de Información Xeográfica Catastral (Sixca) e ao Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), que permiten obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas. No marco do Observatorio analizaranse ademais os indicadores do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ao mapa de aptitude produtiva do solo, entre outros, para facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais de terras rústicas en Galicia a nivel parroquial, municipal e autonómico.

Para facer posible a creación e funcionamento do Observatorio era imprescindible a implicación da Axencia Tributaria de Galicia e do Instituto de Estudios do Territorio neste convenio, para deste xeito establecer un marco de colaboración institucional co que se compartan datos de xeito habitual e estable no tempo entre os organismos encargados da súa custodia para poñelos ao servizo do interese xeral de Galicia, neste caso centrado no eido rural.


Novas relacionadas

A mobilidade de terras en Galicia

Presentación dos resultados do Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia...

A Conselleira de Medio Rural destaca o carácter pioneiro do observatorio sobre a propiedad e mobilidade da terra no que traballa a Fundación Juana de Vega

Rosa Quintana acudiu hoxe á sede da Fundación Juana de Vega para manter unha reunión de seguimento do convenio asinado con esta entidade e coa Universidade de Santiago para mellorar o coñecemento ...


Actividades relacionadas

Observatorio da mobilidade de terras de Galicia

Durante os anos 2013 e 2014, a Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de  Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveron o proxecto “Propiedade, Mobil...

Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial

A Fundación e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) impulsan en colaboración coa Universidade de Santiago, o proxecto de investigación "Propiedade, mobilidade da terra e valorización ...


Comentarios