Novas / Escola Galega da Paisaxe

A Fundación Juana de Vega organiza no Pazo de Rubiáns un encontro sobre camelia e paisaxismo

22 Febreiro 2017

#paisaxismo #camelia

Ás xornadas, que se presentaron hoxe no pazo provincial de Pontevedra, terán lugar o 2 e 3 de marzo con expertos de Portugal, Francia e China.

O obxectivo é poñer en valor a flor que máis se identifica cos xardíns galegos e axudar ao seu mellor coñecemento  

Oleiros, 22 de febreiro de 2017.-

Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, acollerá os próximos 2 e 3 de marzo o encontro internacional "A Camelia e o paisaxismo en Galicia", que foi presentado hoxe no pazo provincial de Pontevedra, coa presenza de Nava Castro, directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia; Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe, e Eva Vilaverde, deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Dentro dos xardíns galegos, como singularidade paisaxística, se hai unha flor coa que se identifica Galicia é, sen dúbida, a camelia. Falar da súa historia, da súa actualidade, da súa presenza en outros territorios, da beleza das súas variedades e o seu potencial ornamental, paisaxístico e, por ende, turístico, é o obxectivo destas xornadas, que pretende contribuír ao seu mellor coñecemento e axudar á súa posta en valor. O escenario elixido é o pazo de Rubiáns, declarado Xardín de Excelencia Internacional da Camelia, unha mostra do valor que Galicia ofrece ao desenvolvemento dun turismo de calidade, vinculado ao seu riquísimo patrimonio tanto paisaxístico coma cultural e arquitectónico.

Na cita estarán presentes expertos de todo o mundo, chegados dende lugares coma Portugal, Francia ou China. As encargadas de inaugurar as xornadas o 2 de marzo falando sobre as especies de camelia máis comúns en Galicia serán Carmen Salinero, técnico da Deputación de Pontevedra na Estación Fitopatolóxica do Areeiro e presidenta da Sociedad Española da Camelia, e Pilar Vela, técnico tamén na Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Ás 12.30 intervirá Gao Yiyin, do Research Institute of Subtropical Forestry de Zhejiang, quen falará da taxonomía do xénero Camellia e especies presentes en China. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, Cristina Castel Branco, profesora de Paisaxismo na Universidad de Lisboa, explicará como era o rexistro de camelias no século XVI en Portugal antes de Georg Kamel. Ás 17.00 horas intervirá Jaques Soignon, director do Service Espaces Verts et Environnement (SEVE) de Nantes, quen falará sobre a camelia urbana, símbolo da cidade de Nantes.

O venres, Gao Yiyin explicará ás 10.15 horas como é a incorporación ao mundo da camelia de 250 híbridos de nova xeración de variedades que florecen todo o ano. A continuación, José Collazo, presidente da Asociación de Empresarios Viveristas del Noroeste (Asvinor) e xerente de Viveros Rio Tollo, comentará a situación do sector dos viveiros en España e Europa e a disponibilidade de especies para cultivar. Ás 12.30, e antes das conclusións será o turno de Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, quen disertará sobre a relación entre a camelia e os xardíns dos palacios. Ás catro da tarde, os participantes farán un percorrido polos xardíns do pazo. 


Actividades relacionadas

Camelia e paisaxismo

Xornada internacional 2017. 2 e 3 de marzo, Pazo de Rubiáns, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra Dentro dos xardíns galegos como singularidade paisaxística, se hai unha flor coa que Galicia identif...


Comentarios