Novas / Promoción Agroalimentaria

A Fundación Juana de Vega organiza en Vilariño de Conso un seminario sobre desenvolvemento rural e espazos naturais

As xornadas terán lugar en Vilariño de Conso do 8 ao 10 de xuño coa presenza de expertos internacionais na materia

O debate centrarase na convivencia entre o turismo, coas súas limitacións, e as actividades do sector primario

Oleiros, 25 de maio de 2018.- A Fundación Juana de Vega, en colaboración co Concello de Vilariño de Conso, organiza do 8 ao 10 de xuño un seminario-debate centrado en espazos naturais e desenvolvemento rural nos ámbitos de baixas densidades demográficas. O seminario, coordinado polo profesor Valerià Paül, contará coa participación de expertos internacionais na materia de contextos territoriales variados que facilitarán a discusión local.

Con este foro preténdese abrir o debate sobre «que facer» en Galicia cos espazos naturais nos que tradicionalmente existiran actividades agrogandeiras que hoxe están en retroceso e onde o turismo foi visto como unha táboa de salvación aínda que actualmente parece estar claro que ten límites na súa contribución ao desenvolvemento rural. Ademais, ironicamente, o carácter desta paisaxe e boa parte da biodiversidade nestas zonas depende da presenza do gando, así como de distintas prácticas agrarias e o uso do monte.

Programa

O profesor Valerià Paül será o encargado de abrir as xornadas, coa ponencia Desenvolvemento rural e espazos protexidos. Un oxímoro?, mentres que Josep Maria Panareda, do Institut de Estudis Catalans falará sobre a biodiversidade das montañas ibéricas e o papel das actividades agrogandeiras na conformación das paisaxes vexetais. Pola súa banda, Johan Milian, do Departamento de Xeografíada Université Paris 8, baseará a súa intervención no futuro para a Francia rural das baixas densidades. Ana Firmino, do Departamento de Xeografía e Planeamento Rexional da Universidade Nova de Lisboa, fará o mesmo co exemplo de Portugal e Giacomo Zanolin, do Departamento de Mediación Lingüística e de Estudos Interculturais, centrarase nos Alpes e os Apeninos.

O segundo día, Gaspar Bernárdez, do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago, analizará as posibilidades da selvicultura sostible e funcional nun novo modelo de monte en Galicia. Rubén C. Lois e Augusto Pérez Alberti, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago, falarán sobre demografía, economía e ordenación do territorio na Galicia rural de baixas densidades e a diversidade paisaxística na serra de Queixa, O Invernadeiro e San Mamede.

Os asistentes participarán tamén nunha serie de actividades en campo, con visitas a explotacións agropecuarias e selvícolas da zona.

O curso está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, o que inclúe tanto a poboación local –os empadroados en Vilariño de Conso teñen a matrícula de balde– como o público especializado en disciplinas como Xeografía, Ordenación do Territorio, Historia, Historia da arte, Urbanismo, Arquitectura, Arquitectura da Paisaxe, Enxeñería agrónoma e Forestal ou Humanidades. O formulario de inscrición e máis información do seminario pode atoparse na páxina web: Seminario: Desenvolvemento rural e espazos naturais

Vilariño de Conso

Con case o 80% da superficie municipal declarada dun ou outro modo como protexida, Vilariño de Conso é o quinto municipio galego con máis territorio incluído dentro dunha figura de conservación da natureza.

Ademais, o Parque Natural do Invernadeiro é un caso único en Galicia por varios motivos, entre os que hai que destacar que se atopa enteramente en mans públicas e que é o único no que se esixe unha solicitude previa para visitalo. Vilariño de Conso é, polo tanto, o lugar ideal para reflexionar sobre espazos naturais e desenvolvemento rural.


Actividades relacionadas

Seminario: Desenvolvemento rural e espazos naturais

A Fundación Juana de Vega en colaboración co Concello de Vilariño de Conso, organiza do 8 ao 10 de xuño un seminario- debate centrado en espazos naturais e desenvolvemento rural nos ámbitos de ba...


Comentarios