Novas / Promoción Agroalimentaria

A Fundación Juana de Vega convoca o VI Programa de Emprendemento Agroalimentario

O programa ten como obxectivo apoiar a creación de empresas no sector agroalimentario e forestal con propostas innovadoras, xeradoras de valor engadido, e fomentar a profesionalización dos emprendedores do medio rural

Os aspirantes, que poderán proceder de calquera punto de Galicia e de calquera eido do sector agroalimentario, deberán presentar as súas propostas ata o día 3 de novembro a través da web programa.juanadevega.org

Poden participar emprendedores sen límite de idade, con proxectos para a creación de novas empresas, sucesión ou recuperación de empresas familiares, posta en valor de activos rurais improdutivos ou novos produtos ou servizos innovadores.

A Coruña, 9 de outubro de 2017.- A Fundación Juana de Vega convoca a sexta edición do Programa de Emprendemento Agroalimentario, co obxectivo de axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.

A iniciativa vai dirixida a emprendedores, sen limitación de idade ou formación académica, con diferentes proxectos: empresas de nova creación, sucesión e recuperación de empresas e explotacións familiares, posta en valor de activos rurais improdutivos ou posta no mercado de novos produtos ou servizos innovadores. En xeral, no programa, pode participar calquera proxecto individual ou colectivo de carácter innovador que poña en valor os produtos agroalimentarios galegos. Tamén se poden presentar proxectos relacionados co sector forestal e mesmo acuícola, pesqueiro e marisqueiro.

No proceso de selección de candidatos, prestarase especial atención a proxectos que xurdan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que presenten un alto grado de diferenciación baseado na calidade e na innovación, que teñan unha clara orientación ao mercado e que poñan en valor os recursos do territorio.

O programa consta dunha fase inicial na que poderán participar ata un máximo de 32 emprendedores. O obxectivo desta fase é axudar ao maior número posible de persoas a estruturar as súas ideas empresariais, para de entre estes emprendedores, seleccionar as 10 mellores ideas con base a actitude e aptitudes do promotor, o tipo de proxecto, a calidade dos produtos ou servizos ofrecidos, o grado de innovación, a orientación ao mercado e a viabilidade económica da iniciativa.

Os dez emprendedores seleccionados comezarán a traballar nas seguintes fases do programa para o que recibirán formación e asesoramento individualizado por parte dunha consultoría especializada, co fin de elaborar un plan de negocio rigoroso, que permita implantar a empresa no mercado coas maiores garantías de éxito posibles. Na última fase do programa, axudaráselles a implantar a empresa no mercado. Para iso recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade que poida ter o emprendedor para garantir o éxito da iniciativa.

As persoas interesadas en participar no programa, poden facelo a través da páxina web da Fundación Juana de Vega (programa.juanadevega.org), onde atoparán un formulario co que poderán anotarse ata o 3 de novembro de 2017.

Nesta iniciativa, que se enmarca dentro dos obxectivos da Fundación Juana de Vega de mellorar o tecido empresarial agroalimentario galego, fomentando a súa competitividade e produtividade, colaboran a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Igape, a Caixa Rural Galega e XesGalicia.


Novas relacionadas

Os Parladoiros do Mercado da Colleita dan voz a novas iniciativas exemplares do rural galego

El objetivo principal de los Parladoiros es que emprendedores ejemplares del rural gallego tengan la oportunidad de compartir sus experiencias con todos aquellos interesados en conocer de primera mano...


Actividades relacionadas

Programa de apoio ao emprendemento agroalimentario

Co obxectivo de mellorar o tecido empresarial agroalimentario en Galicia, a Fundación convoca este programa de apoio ao emprendemento agroalimentario....


Comentarios