Novas / Escola Galega da Paisaxe

A Fundación Juana de Vega achégase a Ourense para percorrer o Barbaña, ámbito de estudo do Máster de Arquitectura da Paisaxe 2015-2016

O alumnado e os docentes foron recibidos no concello polo alcalde, Jesús Vázquez, e realizaron unha visita pola cidade e as Burgas.

Xa pola tarde, de 15.00 a 18.00 horas, farán un percorrido polo río Barbaña con Carlos Cárcamo, responsable de zonas verdes de Ourense. 

Oleiros, 4 de abril de 2015.- A contorna do Barbaña é o ámbito obxecto de estudo do alumnado para o desenvolvemento dun proxecto, mediante unha proposta individual, que se traducirá no seu traballo fin de máster de Arquitectura da Paisaxe. A proposta pretende analizar o papel que xoga o río na cidade de Ourense e no territorio e propoñer actuacións en función das necesidades do lugar. Por este motivo, alumnado e docentes da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, que imparte este máster, acudiron hoxe a Ourense para preparar este traballo, que cada ano se realiza sobre unha área concreta do territorio galego con particularidades paisaxísticas de diversa índole, co obxectivo de elaborar proxectos de cara á súa integración, mellora ou rehabilitación, segundo o caso.

 

A visita comezou cunha recepción por parte do alcalde, Jesús Vázquez, ao alumnado e aos docentes, ademais dunha presentación, tamén no concello, de traballos por parte de Mario Crecente y Asociados, baixo os títulos “Estudo de detalle zona termal” e “Proxecto de urbanización da área de intervención ANABA: paseo termal”. O programa inclúe tamén un percorrido pola cidade e unha vista ás Burgas, encabezada por Mario Crecente e a arquitecta municipal Elvira Carregado, e, xa pola tarde, de 15.00 a 18.00 horas, a xornada rematará coa visita ao Barbaña, dirixida por Carlos Cárcamo, responsable de zonas verdes de Ourense.

 

Obxectivos fundamentais

O Barbaña, un río clave no desenvolvemento sostible da cidade e a contorna periurbano de Ourense, atópase actualmente nun estado que require dunha intervención paisaxística que dote de unidade ao conxunto de intervencións que se foron desenvolvendo ao longo do mesmo. Entre os obxectivos fundamentais do traballo que farán os alumnos do Máster de Arquitectura da Paisaxe 2015-2016 están:

  • Recuperación ambiental e paisaxística dos tramos inaccesibles e degradados do río.
  • Integración das diferentes propostas ao longo do río establecendo un cosido lonxitudinal.
  • Realizar un estudo da relación transversal da cidade a través do río, puntos de cruzamento, conexións, etc. Estudar as necesidades de conexión transversal en relación a posibles corredores verdes e conexións con equipamentos a gran escala, Hospital, Universidade, etc.
  • A orientación e a topografía como puntos fortes e á vez débiles.
  • Proposta de usos e necesidades que poidan orientarse ao aproveitamento das oportunidades que ofrece o río para a cidadanía.

Comentarios