Promoción Agroalimentaria

Seminario: Desenvolvemento rural e espazos naturais

A Fundación Juana de Vega en colaboración co Concello de Vilariño de Conso, organiza do 8 ao 10 de xuño un seminario- debate centrado en espazos naturais e desenvolvemento rural nos ámbitos de baixas densidades demográficas. O seminario coordinado polo Profesor Valerià Paül, contará coa participación de expertos na materia de contextos territoriais variados que facilitarán a discusión local.

Introducción

Con case o 80% da superficie municipal declarada dun ou doutro xeito como protexida, Vilariño de Conso é o quinto concello galego con máis territorio incluído dentro dunha figura de conservación da natureza.

Isto xa representa de por si unha singularidade notábel, á que cómpre engadir o feito que un terzo do concello constitúe un Parque Natural, circunstancia da que non participan outros concellos situados na «banda alta» galega de contaren con moita porcentaxe protexida. Ademais, o Parque Natural do Invernadeiro é un caso único en Galicia por varios motivos, entre os que hai que salientar que se atopa enteiramente en mans públicas e que é o único do país no que se esixe unha solicitude previa para visitalo. Vilariño de Conso é, polo tanto, o lugar ideal para reflexionarmos sobre espazos naturais e desenvolvemento rural nos ámbitos de baixas densidades demográficas, propósito básico do seminario que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xuño de 2018.

Con este evento preténdese abrir á sociedade local, e a persoas interesadas na temática, o debate sobre «que facer» en Galicia cos inmensos espazos naturais nos que tradicionalmente existiran actividades agrogandeiras. Estas atópanse hoxe en recuada, mais, ironicamente, o carácter da paisaxe e boa parte da biodiversidade nestas zonas depende da presenza histórica do gando, así como de distintas prácticas agrarias e do uso do monte. Durante anos supúxose que a recepción de visitantes ía achegar a «solución» en forma de ingresos que permitisen dun ou doutro xeito o seu mantemento, nomeadamente no caso dos espazos protexidos.

Con todo, na actualidade comeza a estar claro que o turismo ten os seus límites, pois non dá chegado a todas partes, nin talvez sexa este o escenario desexábel baixo o paradigma da sustentabilidade. Tamén cómpre desbotar os grandes investimentos previstos en plans pretéritos, propios doutras épocas. Emerxe, pois, a reactivación do sector primario como argumento forza. A pregunta é como.

Un foro como o que se propón debe beneficiarse da experiencia xa acumulada noutros lugares similares en Europa, nos que se está falando destas cuestións desde hai décadas e nos que existen xa casos de «boas prácticas» que nos poden permitir contar cun certo balance de partida. De aí que se conviden a participar no seminario expertos de fóra de Galicia para que achegen o que aconteceu, e que se fixo, en territorios de características similares: gran valor natural e paisaxístico, baixas densidades demográficas e de actividades económicas, avellentamento demográfico, intentos de desenvolver unha economía turística, potencial dun sector primario que non sempre acaba de «despegar», etc.

En todo caso, o traballo non pode ser completo se o esgotamos nunha mera «transferencia» de boas prácticas cara ao noso territorio. Temos que ser capaces de recoller as súa  peculiaridades, poñendo en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico co que contamos e, desde logo, avaliando as iniciativas turísticas que se levaron a cabo, así como as actividades económicas doutra natureza que xa existen. Estes dous grandes bloques temáticos serán o fío condutor do seminario, no que tamén se prevén dúas saídas de campo para poder debater sobre o terreo diversas cuestións prácticas directamente relacionadas co propósito do seminario.

Cartel Seminario
Cartel Seminario

Lugar de celebración

Vilariño de Conso

Datas: 8, 9 e 10 de xuño de 2018
Duración: 30 horas

Programa

Venres

9:00

Inauguración-Presentación

10:00

Desenvolvemento rural e espazos protexidos: un oxímoro?
Valerià Paül (Departamento de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela)

11:30

Pausa - café

12:00

La biodiversidad de las montañas ibéricas: ¿cuestión de naturaleza o cuestión de cultura?
El papel de las actividades agroganderas en la conformación de los paisajes vegetales

Josep Maria Panareda (Institut d’Estudis Catalans)

13:30

Debate sobre as conferencias da mañá

14:00

Xantar

15:30

Actividade no campo (5 h) de visita a explotacións agropecuarias e silvícolas da zona

Sábado

9:00

¿Qué futuro para la Francia rural de bajas densidades? Entre desarrollo y protección de la naturaleza
Johan Milian (Département de Géographie, Université Paris 8)

10:30

Pausa - café

11:00

Há esperança de futuro para o rural português em 2080? Iniciativas emergentes de desenvolvimento para contrariar a tendência de desertificação e despovoamento
Ana Firmino (Departamento de Geografia e Planeamento Regional, Universidade Nova de Lisboa)

12:30

Experiencias de desarrollo territorial en zonas despobladas de los Alpes y los Apeninos
Giacomo Zanolin (Dipartimento di Mediazione Linguistica e di Studi Interculturali)

14:00

Xantar

15:30

Actividade no campo (5 h) polo Val da Cerveira​

Domingo

9:00

É posíbel unha silvicultura sustentábel e multifuncional? Cara a un novo modelo de monte en Galicia
Gaspar Bernárdez (Departamento de Produción Vexetal, Universidade de Santiago de Compostela)

10:30

Pausa - Café

11:00

A contribución do turismo á creación de empresas no espazo rural galego: desexos, realidades e incertezas
Noelia Araújo (Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Universidade de Vigo)

12:30

O turismo na Serra de Queixa, O Invernadeiro e San Mamede
Manuel Rodríguez (Centro de Estudos EuroReg/xionais)

14:00

Xantar

15:30

A Galicia rural de baixas densidades: demografía, economía e ordenación do territorio
Rubén C. Lois (Departamento de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela)

17:00

A diversidade paisaxística da Serra de Queixa, O Invernadeiro e San Mamede
Augusto Pérez Alberti (Departamento de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela)

18:30

Debate final e peche do seminario

Tríptico

A quen está dirixido?

O curso está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, o que inclúe tanto a poboación local como o público especializado (titulad@s e estudantes/as universitari@s) en disciplinas como Xeografía, Ordenación do Territorio, Historia, Historia da Arte, Urbanismo, Arquitectura, Arquitectura da Paisaxe, Enxeñaría Forestal ou Humanidades.

Matrícula

  1. Modalidade ordinaria: Inclúe material docente, cafés e xantares. Sen hospedaxe: 50 €.
  2. Empadroados en Vilariño de Conso: matrícula de balde.
  3. Modalidade para estudantes do Grao en Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Actividade  recoñecida como 1 crédito ECTS. Non se cobra inscrición pola actividade docente. Os custos de hospedaxe en albergue municipal e manutención son de 60 €. Os alumnos desta modalidade deberán matricularse tamén na Secretaria Virtual da USC e satisfacer , despois do seminario, os trámites necesarios ante a UXA.
  4. Modalidade con hospedaxe en albergue municipal: inclúe material docente, cafés, xantares, ceas e hospedaxe no albergue municipal. 60 €
  5. Modalidade con hospedaxe en casa rural ou apartamentos: inclúe material docente, cafés, xantares, ceas e hospedaxe en casa rural ou apartamentos: 150 € (prazas limitadas)

O diploma acreditativo só se expedirá cando a asistencia sexa igual ou superior ao 85% do tempo. Faranse controis regulares de asistencia ao longo do seminario e tamén nas actividades de traballo de campo.

Formulario de inscrición

Ao recibirdes a confirmación de admisión no curso logo da inscrición, cómpre realizar o pago de matrícula antes do 6 de xuño de 2018

Prazas cubertas.

Coordinadores

Valerià Paül : v.paul.carril@usc.es

Martín Agrelo : agrelomartin@gmail.com

Organiza

Colabora



Novas relacionadas

A Fundación Juana de Vega organiza en Vilariño de Conso un seminario sobre desenvolvemento rural e espazos naturais

As xornadas terán lugar en Vilariño de Conso do 8 ao 10 de xuño coa presenza de expertos internacionais na materia O debate centrarase na convivencia entre o turismo, coas súas limitacións, e as...


Comentarios