Promoción Agroalimentaria

Norma de calidade para a planta ornamental de Galicia

A Fundación Juana de Vega leva traballando varios anos co sector da planta ornamental de Galicia para a elaboración dunha norma de calidade que permita diferenciar as nosas producións das doutras zonas, co obxectivo de mellorar a competitividade deste sector.

Portada Publicación

Como noutros ámbitos do sector primario galego, a forte atomización e a falta de asociacionismo provoca dificultades para competir e de acceso aos merca­dos exteriores, aínda que Galicia conta cunha vantaxe competitiva importante que vén determinada polas condicións climáticas e edafolóxicas. O potencial de Galicia para a produción de planta ornamental está por riba da maioría do territorio nacional e internacional, debido ao rápido crecemento vexetativo e á rusticidade da planta, aspecto este moi valorado polo mercado.

Esta falta de asociacionismo e de concentración do sector está a dificultar a comercialización e provocando que non se poidan satisfacer grandes volumes de planta demandados por países europeos pola falta de homoxeneidade do produto.

O obxectivo inicial deste traballo foi a elaboración dunha norma de calidade para a planta ornamental producida en Galicia, que permita homoxeneizar a planta producida en distintos viveiros, dacordo cos estándares demandados nos mercados internacionais.

A norma apóiase en tres alicerces fundamentais: estandarización, para homoxeneizar tamaños, altura e proporción das distintas especies; medioambiente, co obxectivo de seguir criterios sustentables, e trazabilidade, incluíndo os procesos de seguimento da planta, para coñecer a súa historia, localización e traxectoria ao longo da cadea de subministración.

O índice de estandarización da norma de calidade, elaborado de forma conxunta cos representantes do sector e a Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe nove puntos fundamentais: características xerais, árbores latifolios, coníferas, arbustos, azalea, camelia e rododendro; palmeiras, bambú, herba ornamental e fentos, rubideiras e árbores exemplares.

Esta norma é o primeiro paso para posteriormente elaborar un catálogo de producións, incluír as producións de planta ornamental de Galicia nas bases de datos de construcción e arquitectura da paisaxe, e para establecer unha marca colectiva “Planta ornamental de Galicia” na que xa estamos traballando coa Xunta de Galicia e o sector.

Televisión de Galicia: Prezos en Silleda. Marca de calidade 'Planta Ornamental de Galicia'
Televisión de Galicia: Marca Planta Ornamental de Galicia

Novas relacionadas


Publicacións relacionadas

Norma de calidade para a planta ornamental de Galicia

Norma de calidade para a planta ornamental producida en Galcia, que permite homoxeneizar a planta producida en distintos viveros....

Comentarios