Promoción Agroalimentaria

Adhesión da industria agroalimentaria galega ao código de boas prácticas mercantís na contratación alimentaria.

Convenio de colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) para implicar ás PEMES e cooperativas galegas na adopción do Código de Boas Prácticas Mercatís elaborado no marco da Lei de medidas para a mellora do funcionamento da cadea alimentaria.

A Lei 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria (LCA) ten por finalidade mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria, de maneira que aumente a eficacia e a competitividade do sector agroalimentario español e se reduza o desequilibrio nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea de valor, no marco dunha competencia xusta que redunde en beneficio, non só do sector, senón tamén dos consumidores.

O obxectivo da Lei é normalizar as relacións comerciais que se produzan entre os operadores que interveñen na cadea alimentaria, dende a produción á distribución de alimentos ou produtos alimentarios.

Gran parte da industria alimentaria que opera en Galicia coa distribución está directamente afectada pola Lei, polo que é importante facer un esforzo de divulgación das normas de obrigado cumprimento que nela se ditan (contratos, datas de pago,...), así como das posibilidades de acollerse ao Código de Boas Prácticas nas relacións do sector, que favoreza as relacións profesionais coa distribución.

Legalidade; defensa dos consumidores; liberdade de empresa, de mercado e de pactos; lealdade; transparencia, claridade, concreción, sinxeleza; eficiencia e sustentabilidade son principios polos que avoga o Código de Boas Prácticas, para acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais, mellorar o acceso á información, á trazabilidade e a regulación das prácticas comerciais.

Con estes obxectivos, no marco do convenio entre AGACA e a Fundación no 2016, elaborarase material divulgativo que será difundido entre as empresas e cooperativas do sector agroalimentario galego, e organizaranse encontros informativos e de animación entre eles para lograr a súa adhesión voluntaria, xunto coa distribución, ao Código de Boas Prácticas Mercantís.

 

Novas relacionadas

Fundación Juana de Vega e AGACA alíanse para promover boas prácticas na cadea de valor alimentaria

José Montes e Enrique Sáez, presidentes de AGACA e Fundación Juana de Vega, respectivamente, asinan un Convenio de colaboración para implicar ás PEMES na adopción do Código de Boas Prácticas e...


Comentarios