Investigación

Implantacion de rodais selectos mellorados de carballo (Quercus Robur) en masas comúns ou terreos públicos de Galicia

A Fundación Juana de Vega impulsa e financia un proxecto de investigación que desenvolverá o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, da Xunta de Galicia, para a mellora xenética do carballo galego.

O proxecto nace cunha vertente científico - técnica, centrada na recuperación e na mellora da especie, pero tamén cun obxectivo social como é a promoción do uso do carballo de Galicia, unha árbore que con frecuencia estaba sendo substituída por carballos foráneos ante a falta de planta certificada de Galicia.

Os obxectivos do proxecto son:

  • Conservar a diversidade do Quercus robur en Galicia creando plantacións con maior diversidade que os rodales existentes na actualidade, reunindo materiais xenéticos de diferentes procedencias xeográficas dentro da mesma zona climática.
  • Iniciar a mellora dos caracteres forestais do carballo (crecemento, fuste, calidade da madeira, resistencia, etc.) mediante selección dos parentais nos rodais actuais e, posteriormente, mediante claras xenéticas nas plantacións establecidas.
  • Dispor de materiais de base das categorías cualificado e/ou controlado, asegurando a súa adaptabilidade e mellorando a calidade das plantacións forestais de carballo.
  • Incentivar, mediante a creación dunha oferta privada por parte de viveiros forestais de Galicia, de material vexetal que permita plantar estas árbores en leiras privadas ou en intervencións públicas en parques e xardíns urbanos e periurbanos.

Metodoloxía:

Recolleranse 24.000 landras en rodais selectos de Quercus robur para a súa posterior xerminación e cultivo en polo menos dous viveiros forestais de Galicia asociados a VIFOGA (Asociación de Viveiros Forestais de Galicia). As landras cultivaranse nestes viveiros durante dous anos, nos que se valorarán os novos carballos para analizar o seu comportamento e proceder a unha segunda selección.

Tras esta selección, os novos carballos implantaranse en catro leiras de titularidade pública dunha hectárea cada unha. Para iso elixiranse dous terreos públicos e/ou masas comúns na Galicia oriental e outros dous na parte atlántica. Os carballos distribuiranse cunha alta densidade de plantación, dunhas 2.500 plantas por hectárea, o que obrigará ás árbores a competir por luz e nutrientes, de forma que co paso dos anos se poida facer unha terceira selección dos exemplares que mellor se comporten en campo, que quedarán á marxe das claras. Estes exemplares formarán parte do catro rodais selectos mellorados de carballo de Galicia como fonte de semente de calidade para a produción de plantas de viveiro e a súa posterior plantación forestal.

Reportaxe TVG. 1/1/2015


Comentarios