Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2012

Fallo do xurado:
Vivendas unifamiliares

Premiados

Premio

Obra: Vivienda unifamiliar Santiago de Compostela
Arquitecto: Jesús Conde García

Accesits

Obra: Vivienda unifamiliar en Perillo (Oleiros)
Arquitectos: Emilio Rodríguez Blanco

Accesits

Obra: Vivienda unifamiliar Redes, Ares
Arquitectos: Díaz y Díaz Arquitectos

Acta final do xurado

Oleiros, 4 de setembro de 2012

Tras visitar durante o día as sete obras preseleccionadas na reunión celebrada no mes de xullo, ás 22.00 horas reúnese o xurado composto polas persoas que a continuación se citan na vivenda de Fernando Agrasar en Icaria (Oleiros), para decidir as obras premiadas na presente convocatoria:

Presidente
Jorge Duarte Vázquez
Secretario
Isabel Aguirre de Urcola
Vocais
Gonçalo Byrne
Enrique Sáez Ponte
Fernando Agrasar Quiroga
Manuel Caamaño Suárez
Salvador Fraga Rivas
Francisco Xavier Seoane Rivas

O xurado constata que a calidade xeral dos traballos amosa que o país vai asumindo de xeito crecente a nova arquitectura e incorporándoa aos espazos máis íntimos, a casa como lugar onde desenvolver a vida cotiá. A dispersión das obras pola xeografía de Galicia é indicativo de que a acollida da arquitectura contemporánea é bastante uniforme. Ambas circunstancias son salientables para os membros do xurado, que deciden sobre un premio orientado a fomentar a mellora da contorna na que habitamos, e coa dificultade que implica tomar decisións entre tantas boas alternativas.

Seguidamente e despois dun amplo debate e intercambio de pareceres o xurado por unanimidade acorda:

  1. Conceder o premio de Arquitectura Juana de Vega 2012 á vivenda situada no número 6 da Rúa de Bonaval en Santiago de Compostela do arquitecto Jesús Conde García. Trátase dun magnífico exemplo de cómo se pode facer arquitectura moderna, con deseño preciso, para recuperar unha casiña cunha superficie interior por planta duns 30 m2, situada no principal casco histórico de Galicia, que é patrimonio da humanidade. O equilibrio e a calidade estética e construtiva das solucións adoptadas en cada planta e a integración das fachadas e do pequeno patio na extraordinaria paisaxe urbana na que se insire, fai desta obra un exemplo especialmente salientable para a recuperación de elementos e espazos de valor patrimonial. É de salientar tamén o esforzo feito para respectar a normativa que afecta aos edificios do casco histórico de Santiago con solucións imaxinativas vinculadas á mellor arquitectura actual.
     
  2. Conceder dous accésits ás seguintes obras:
    1. Casa situada no centro de Perillo (Oleiros) do arquitecto Emilio Rodríguez Blanco. O conxunto de formas e materiais elixidos, consegue o difícil obxectivo de integrar unha casa moderna e con forte persoalidade nun entorno diverso e desestruturado, onde convive unha gran obra arquitectónica, como é a piscina municipal, con diferentes edificios de pequena escala e outros de escasa calidade. As luces provintes desde os ocos das cubertas e as fachadas dan iluminación a espazos interiores complexos e interesantes e reforzan a transparencia, que é o elemento principal que preside a vida dunha vivenda con moitas fiestras e poucas portas.
    2. Conxunto de dúas vivendas unifamiliares acaroadas, situadas en Redes, de Díaz y Díaz Arquitectos. A privilexiada situación da obra (Redes como exemplo sobranceiro de vila mariñeira ben preservada e a poderosa paisaxe do fondo da Ría de Ares) son os dous eixos sobre os que se desenvolve o proxecto. Por un lado, a sutil diferenza na orientación das dúas fachadas e a chiscadela que se fai cunha pequena fiestra, propia dunha vivenda tradicional, xunto cun deseño moderno e sobrio, conseguen unha boa integración na valiosa fachada marítima da vila. Por outro, a vivenda interioriza completamente a paisaxe, que inunda o edificio a través de amplos espazos acristalados, pasando por cuartos e escaleiras para poder ser admirada mesmo desde o xardín posterior a través de todo o edificio.

Sen máis asuntos que tratar, levántase a sesión as 23:30 horas.