Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2011

Fallo do xurado:
Vivendas unifamiliares

Premiados

Premio

Obra: Vivienda unifamiliar aislada en Bergondo
Arquitecto: Antonio Pernas Varela

Accesits

Obra: Vivienda unifamiliar en Sabugueira do Carballal - Santiago de Compostela
Arquitectos: Óscar e Iván Andrés Quintela

Accesits

Obra: Vivienda unifamiliar aislada - Poio - Pontevedra
Arquitectos: Pablo Menéndez Paz

Acta final do xurado

Tras visitare durante o día as obras preseleccionadas na reunión anterior de 15 de xullo, ás 19:20 horas, na cafetería do aeroporto de Lavacolla, reúnese o xurado composto polas persoas que a continuación se citan:

Presidente
Jorge Duarte Vázquez
Secretario
Enrique Sáez Ponte
Vocais
Xosé Manuel Casabella López
Manuel Caamaño Suárez
Salvador Fraga Rivas
Francisco Xavier Seoane Rivas
Gonçalo Byrne

Asiste tamén Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe.

Realízase unha detida análise da información, con amplo intercambio de impresións, e acórdase:

  1. Conceder o Premio Juana de Vega de Arquitectura na presente edición ao arquitecto Antonio Pernas Varela pola vivenda situada en Bergondo (Aldea de Arriba). O xurado valora especialmente un compacto deseño, dotado de alta eficiencia enerxética que se inxire con naturalidade e engade calidade visual ao espazo próximo, caracterizado pola proliferación de vivendas illadas e pequenos grupos de casas, perto dun gran polígono industrial. Destacan a distribución ben organizada con alternativas de mobilidade exterior e interior e o bo criterio no emprego dos materiais (madeira, placas de formigón prefabricadas e aceiro galvanizado), elementos que contribúen a unha harmoniosa relación entre a casa e o xardín.
     
  2. Conceder dous accésits:
    1. Aos arquitectos Óscar e Iván Andrés Quintela pola súa obra nas proximidades de Lavacolla (Sabugueira do Carballal). Unha vivenda sinxela, feita con medios moi limitados, que parte dunha axeitada colocación sobre o terreo dispoñíbel. De costas á estrada ábrese a un reducido xardín a través dun amplo espazo cuberto feito de madeira de eucalipto. A cuberta tradicional de tella a dúas augas protexe o mundo interior artellado ao redor da cociña, como é habitual no medio rural, e deseñado para permitire a vida dunha muller con graves minusvalías. A forma e o remate cromático enriquecen o entorno rural, próximo ao Camiño de Santiago, que amosa, na súa derradeira etapa, deficiencias estéticas graves.
    2. Ao arquitecto Pablo Menéndez Paz pola súa obra na Caeira, asentada nun solar con forte gradiente, pero orientado ao sul e con espléndidas vistas sobre Pontevedra e a desembocadura do Lérez. O panorama é resaltado pola eficaz concepción da edificación, que se abre ao exterior e aproveita a pendente para estruturar en chanzos os espazos centrais (salón, comedor, cociña) tras grandes xanelas. A fachada posterior, sobre a rúa de acceso, é máis opaca e protexe as costas dunha edificación ben concibida.
  3. Resaltar, como finalista destacada, a obra de rehabilitación da arquitecta Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijoo Rei na Rúa da Liberdade de Ourense, en pleno casco histórico. Valora o xurado a boa solución lograda para integrare os dous corpos da casa, un antigo e outro engadido posteriormente con escaso criterio e o elegante deseño xeral do edificio, recuperado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo para vivenda de aluguer destinada a persoas con baixos ingresos.

Santiago a 12 de Setembro do 2011