Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2010

Fallo do xurado:
Vivendas unifamiliares

Premiados

Premio

Obra: Vivienda unifamiliar en Liáns - Oleiros
Arquitecto: Carlos Seoane González

Accesits

Obra: Vivienda unifamiliar en O Quinteiro - Nigrán
Arquitectos: José Luis Quintela y Mónica Díaz

Acta final do xurado

Ás 22 horas do 19 de xullo reúnese o xurado en Gondomar, integrado polas 
seguintes persoas:

Presidente
Celestino García Braña
Secretario
Enrique Sáez Ponte
Vocais
Xosé Manuel Casabella López
Manuel Caamaño Suárez
Salvador Fraga Rivas
Francisco Xavier Seoane Rivas
Gonçalo Byrne

Asemade asiste Isabel Aguirre de Urcola, como directora da Escola Galega da Paisaxe.

Durante o día, visitáronse as cinco vivendas unifamiliares que foran seleccionadas na primeira reunión do xurado o 28 de xuño. Tamén se visitou unha sexta en Gondomar, respecto a cal había dúbidas sobre incluíla ou non como candidata a ser visitada.

O Xurado fai unha detida valoración limitada ás cinco obras seleccionadas inicialmente e procede logo a un prolongado debate, tralo que aproba por unanimidade o seguinte:

  1. Conceder o Premio Juana de Vega de Arquitectura para vivendas rematadas no ano 2009 ao arquitecto José Carlos Seoane González pola súa obra sita na Urbanización "As Galeras" Rua Antonio Maceo, 5 – Lians, Oleiros. O xurado quere salientar a complexa integrazón da casa no espazo no que se sitúa: un solar en descenso cara ao mar, cunha extraordinaria vista sobre a baía da Coruña e con importantes limitacións de normativa local e de costas. Aprovéitanse ben estas circunstancias para situar con discreción unha vivenda de notables dimensións. Gran parte da matizada perspectiva que ofrece cara á fachada principal débese á gran pérgola de formigón, que cubre e da unidade ao acceso e, ao mesmo tempo, facilita luz ao patio interior mediante un oco circular. Aínda que en algún elemento concreto recórrese a un excesivo formalismo, resaltan as coidadas solucións de deseño que artellan os espazos nos tres niveis do inmóbel. 
     
  2. Conceder un accésit aos arquitectos José Luis Quintela Porro e Mónica Díaz Rodríguez, polo seu proxecto realizado en O Quinteiro, Nigrán. Destaca a solución exterior simple, que agocha unha sección complexa. O nivel inferior, illado do superior e de concepción moi eficaz, descorre por baixo da terraza da piscina e se reserva para as actividades de lecer. O conxunto transmite unha idea de contención concisa e bon uso dos materiais, aínda que amosa unha excesiva compresión de algún espazo e coloca a cheminea en lugar afastado
     
  3. O xurado quere reflectir, como finalistas destacados, o valor de dúas vivendas situadas en zonas urbanas. Ambas representan un camiño axeitado para recuperar e por en valor tecido urbano deprimido. 
    Entende o xurado que esta é unha actividade que compre potenciar e que vai representar un desafío e, ao mesmo tempo, unha oportunidade para os arquitectos nos vindeiros anos.
    1. A primeira das obras, da arquitecta Patricia Montes Andrés, sitúase no barrio de Canido en Ferrol. É unha intervención de calidade, que aporta unha peza de arquitectura actual nun vello barrio ferrolano, bastante deteriorado. Destaca pola modernidade das solucións elexidas. A vivenda, de tres 
      plantas, ábrese cara a un tranquilo xardín posterior, presidido por unha gran nogueira. A branca casa ofrece moita luz en todos os espazos, ben concebidos para adaptárense ás necesidades dos donos.
    2. A segunda, da arquitecta Helena Mosquera García, é unha obra de recuperación dun edificio protexido situado no casco histórico de Betanzos. O traballo realizado é un bon exemplo de como un coidado deseño pode adaptar un espazo e unha fachada predeterminadas a solucións interiores complexas, luminosas e flexíbels. A delicadeza e precisión da obra realizada amósase no tratamento da madeira, moi presente en toda a casa.