Cursos e xornadas

Workshop Internacional de Paisaxe: Tralas Pegadas do Camiño de Inverno nas Paisaxes da Ribeira Sacra

1ª Edición: De Quiroga a Monforte de Lemos

Do 2 ao 6 de setembro de 2019
Casa Grande de Rosende (Sober) - Lugo

Introdución

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021, organiza dous Workshops internacionais de paisaxe co título: Tralas pegadas do Camiño de Inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra.

Os workshops terán lugar en setembro de 2019 e marzo de 2020 estando dedicado o primeiro deles ao tramo que vai dende Quiroga a Monforte de Lemos e o segundo ao tramo Monforte de Lemos- Chantada.

CAMIÑO DE INVERNO POLA RIBEIRA SACRA

O Camiño de inverno é a entrada natural a Galicia dende a meseta seguindo o cauce do río Sil, un acceso xa usado polos romanos e utilizado polos peregrinos como alternativa ao coñecido Camiño Francés. Pénsase que poido xurdir como alternativa aos cumes nevados do Cebreiro, e tamén para evitar os desbordamentos frecuentes dos ríos do val do Valcarce.

O Camiño de Inverno sepárase do francés en Ponferrada, e penetra en Galicia polo Puente de Domingo Flores atravesando os concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, Saviñao, Chantada e Rodeiro, na provincia de Lugo, e cruzando posteriormente parte da provincia de Pontevedra por Lalín, Silleda e A Estrada, e entrando na de A Coruña por Vedra ata chegar a Santiago de Compostela.

Este Camiño figura oficialmente como patrimonio da Xunta de Galicia desde 2016, e a súa delimitación oficial foi recollida por primeira vez no Plan Básico autonómico, aínda que seguindo o definido na lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia precisaría dunha maior reflexión.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino, os peregrinos que chegaron a Santiago polo Camiño de Inverno foron 555 en 2017 e 703 no 2018. Este dato supón que unicamente o 0,18 % do camiñantes escollen este percorrido fronte a outras alternativas a pesar de non ter un territorio histórico consolidado, nin posuír albergues oficiais. Porén, convén salientar a importancia deste Camiño no que se refire ás súas calidades paisaxísticas e culturais dado que percorre, no tramo galego: o Parque Natural da Enciña da Lastra, e a contorna natural do río Deza, e especialmente a Ribeira Sacra.

A recente declaración da Ribeira Sacra como primeira paisaxe Cultural de Galicia ó amparo da nova lei de Patrimonio Cultural, abre un campo novo no recoñecemento e xestión das paisaxes, ata agora limitadas a lexislación de paisaxe. Esta nova situación, o compromiso de conservación, a extensión da área comprometida na candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO, fan deste territorio unha paisaxe excepcional de Galicia con moitas posibilidades de valorización.

Plano oficial delimitación do Ben de Interese Cultural Ribeira Sacra é Camiño de Inverno

OS EXTRAORDINARIOS VALORES DA RIBEIRA SACRA

Centrándonos na Ribeira Sacra, os vales dos ríos Sil, Miño, Mao e Cabe manteñen unha rica biodiversidade tendo o Canón do Sil e o Río Cabe a calificación de Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 precisamente por estes valores naturais asociados, e tamén polas varias áreas de especial interese paisaxístico.

No que se refire á súa calidade patrimonial débese destacar a presenza de edificios relixiosos: eremitorios, igrexas e mosteiros, que forman o conxunto existente de maior concentración do románico de Europa, entre eles, o Mosteiro de San Vicente do Pino, ou o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, agora Paradores Nacionales, ou o Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, e o de Santa Cristina de Ribas de Sil. Sen esquecer a gran calidade de edificios civís de arquitectura tradicional de enorme calidade.

Santa Cristina de Ribas de Sil

Outro dos elementos máis característicos da paisaxe da Ribeira Sacra son as terrazas, ou socalcos. Trátase de construcións escalonadas de pedra nas que hoxe predominan as vides,  aínda que en orixe fosen policultivos, que no seu día practicamente cubriron as ladeiras dos rios Sil e Miño, e que segundo parece teñen a súa orixe na época romana cando ocuparon a Gallaecia en busca das súas riquezas naturais, sobre todo o ouro do Sil, pero tamén o viño. Estas terrazas xeran unha paisaxe absolutamente espectacular, cunha beleza vinculada ao esforzo que supón a súa construción e mantemento, ao que non en balde denomínaselle “viticultura heroica”

Viticultura heroica na Ribeira Sacra

Obxectivos

O obxectivo é analizar as paisaxes e os patrimonios da Ribeira Sacra, e propoñer estratexias de delimitación, intervención, e desenvolvemento a partir dun traballo multidisciplinar con estudantes, expertos e profesionais de recoñecido prestixio, contando tamén cos axente locais. No primeiro dos workshops, que terá lugar no mes de setembro, analizarase o tramo que vai dende Quiroga a Monforte de Lemos.

Trátase de avaliar o Camiño de Inverno na Ribeira Sacra como elemento vertebrador dun crecemento socioeconómico sostible. Por isto, e tendo en conta todo o exposto na introdución, a Fundación Juana de Vega, en liña coas súas preocupacións e obxectivos, considera necesario traballar no coñecemento, na posta en valor e a divulgación das extraordinarias paisaxes e patrimonios que ofrece a Ribeira Sacra como alicerce e imaxe central do Camiño de Inverno, favorecendo así a súa protección e conservación, e potenciando o uso respectuoso desta ruta de peregrinación a Santiago. A beleza das paisaxes, a riqueza cultural e a enogastronomía son as principais motivacións que terán os peregrinos para elixir este destino.

Neste contexto son varios os eidos nos que cómpre traballar: é necesario reflexionar sobre unha delimitación razoada do Camiño de Inverno e do seu territorio histórico, imaxinar a valorización e rehabilitación do enorme patrimonio cultural relixioso e civil existente, mellorar os servizos de hospedaxe nas diferentes tipoloxías, así como a calidade e cantidade de restaurantes vinculados aos produtos da zona, sobre todo coa potenciación dos produtos vitivinícolas, cada vez máis recoñecidos, e a súa relación ca paisaxe, o que permitiría aumentar con medida, a oferta de actividades complementarias ao turismo, e estudar o ámbito do percorrido e a súa contorna para establecer criterios de protección e desenvolvemento.

Partimos dun camiño no que queda moito por coñecer e investigar no recoñecemento e proba da historicidade dos trazados, ao tempo que este se desenvolve nun territorio profundamente intervido, sacralizado, e apropiado que debemos preservar.

Metodoloxía de traballo

O formato dos workshops será unha combinación de intervencións dos expertos nas distintas materias, visitas de campo nas que os participantes poidan observar sobre o terreo as cuestións tratadas, e tomen contacto co territorio, debatendo máis tarde entre eles e cos expertos e os veciños e veciñas para facer finalmente as propostas orientadas a resolver os obxectivos fixados.

A quen está dirixido?

O seminario está dirixido principalmente a enxeñeiros, arquitectos, paisaxistas, xeógrafos e outros profesionais que traballan ou teñan interese na posta en valor e a divulgación da cultura e os valores do medio rural. Así como, a aquelas persoas vinculadas ao territorio que traballen en turismo ou desenvolvemento rural.

En xeral pode interesar a aquelas persoas que teñan interese pola preservación dos valores da paisaxe no medio rural.

Data

Do 2 ao 6 de setembro de 2019.

Programa

LUNS, 2 DE SETEMBRO DE 2019

10:00 h - 10:30 h. Recepción e benvida.

10:30 h - 11:00 h. Inauguración.
Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Alcalde de Sober; Presidente da Deputación;  e Presidente da Fundación Juana de Vega.

11:00 h - 12.00 h."Os Itinerarios Culturais en Europa. Estado da cuestión". Eladio Fernández Galiano. “Special Advisor” do programa de Itinerarios Culturais e membro do Consello de Administración do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais

12:00 h - 12:30 h. Café

12:30 h - 13:30 h. "Patrimonio e Paisaxe na Ribeira Sacra". Isabel Aguirre. Directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega.

13.30 h - 14.30 h."A historia do recoñecemento do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra". Aida Menéndez. Presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

14:30 h - 16:00 h. Xantar

16:00 h - 20:00 h. Visita guiada ao Camiño e a súa contorna na área de Montefurado. A cargo de Francisco Almuíña.

MARTES, 3 DE SETEMBRO

9:30 h - 10:30 h."A xestión das paisaxes culturais: estado da cuestión". Mónica Luengo. Membro do Comité Científico Internacional de Paisaxes Culturais. ICOMOS- IFLA.

10:30 h - 11:30 h."A paisaxe cultural dos Camiños de Santiago". Mario Crecente. Coordinador do Seminario.

11:30 h - 12:00 h. Café

12:00 h - 13:00 h."Valores singulares da Ribeira Sacra". Ana Goy Diz. Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

13:00 h - 14:00 h."Etnografía e paisaxe na Ribeira Sacra". Manuel Vilar. Antropólogo.

14:00 h - 15.30 h. Xantar

15:30 h - 20:00 h. Visita ao patrimonio do románico en Monforte de Lemos e ao Centro do Viño da Ribeira Sacra. A cargo de Felipe Aira, Investigador da historia local de Monforte de Lemos.

MÉRCORES, 4 DE SETEMBRO

09:00 h - 14:00 h e 16:00 h - 20:00 h. Traballo en grupos.

XOVES, 5 DE SETEMBRO

09:00 h - 14:00 h e 16:00 h - 20:00 h. Traballo en grupos.

VENRES, 6 DE SETEMBRO

10:00 h - 13:00 h. Exposición de propostas dos grupos.

13:00 h -13:30 h. Clausura.
Isaías Calvo de la Uz. Director do Plan Xacobeo 2021.
Isabel Aguirre. Directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega.

Lugar

Casa Grande de Rosende. 27460 Rosende- Sober (Lugo)

Relatores

MARÍA DEL CARMEN MARTÍNEZ ÍNSUA

Funcionaria dos corpos Superior da Administración e de Xestión da Xunta de Galicia. Tras desempeñar diversos cargos, desde 2013 é Directora Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo. Actualmente o seu departamento impulsa a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, que será avaliada por UNESCO en 2021.

ELADIO FERNÁNDEZ GALIANO

Biólogo, profesor titular de ecoloxía na Universidade Autónoma de Madrid, “ Special Advisor” do programa de Itinerarios Culturais e membro do Consello de Administración do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais. Traballou desde 1985 para o Consello de Europa, en temas relacionados co medio ambiente, a redución do risco de desastres, a interculturalidad e o turismo cultural.

ISABEL AGUIRRE

Arquitecta pola Universidade da Coruña,  directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e membro do Comité de Directores do  European  Council  of  Landscape  Architecture  Schools. Entre as distincións que recibiu  destacan o Premio Nacional de Arquitectura "Manuel da Dehesa" e o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico.

AIDA MENÉNDEZ

Psicopedagoga, dedicouse ao ensino primario, secundaria e universitaria durante 41 anos. Tarefa que compaxinou, co labor investigador sobre o Camiño de Inverno desde  1999. Unha plataforma que lle serviu para conseguir importantes logros en materia de sinalización, investigación, formación, organización de roteiros, materiais divulgativos, web, edición de guías e varias obras. Actualmente realiza a súa Tese Doutoral sobre este Camiño.

FRANCISCO ALMUÍÑA

Dinamizador cultural e de actividades relacionadas coa natureza en Ribeira Sacra, gran coñecedor da etnografía e o patrimonio local, presidente da Asociación Ribeira Sacra Rural, membro do Consello reitor do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, membro da Federación  Galega de Turismo Rural, músico de  zanfona e propietario de Casa do Romualdo en Taboada (Lugo).

MÓNICA LUENGO

Historiadora da arte e Arquitecta Paisaxista. Ex -Presidenta do Comité Científico Internacional de Paisaxes Culturais ICOMOS- IFLA. Vicepresidenta do Comité Nacional de ICOMOS, Ex -directora do Master Patrimonio Cultural e Natural: innovación, desenvolvemento e investigación (Universidade Internacional de Andalucía) e socia fundadora de ATP, Arquitectura e Técnicas da Paisaxe, S.L.

ANA GOY

Catedrática de Universidade da área de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela. Profesora da Facultade de Humanidades de Lugo e da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. As súas liñas de investigación son a arquitectura do Renacemento e do Barroco en Galicia e as súas relacións con Portugal e Iberoamérica, a arte monástico, e o estudo do Patrimonio Cultural galego e do Patrimonio da Humanidade.

MANUEL VILAR

Licenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Bens Culturais, desenvolve o seu labor no campo da antropoloxía, o Camiño de Santiago e o patrimonio cultural na Costa da Morte. Director do Museo  do  Pobo  Galego, foi comisario de varias exposicións, autor de diferentes obras de temática xacobea e  coguionista,  codirector e narrador de documentais do  Seminario de  Estudos  Comarcais da Costa da Morte.

FELIPE AIRA

Investigador de historia local  de Monforte de Lemos, desenvolveu traballos de investigación histórica, como "Judíos y conversos de Monforte de Lemos";  e publicando artigos en revistas especializadas  ou participando como relatora en diversos foros e seminarios. Colaborou co concello monfortino, en diferentes proxectos, exposicións, e foi monitor de diversos curso,  entre outros,  "Conoce Monforte de Lemos"; este, ao longo de 5 edicións.

ISAÍAS CALVO DE LA UZ

Licenciado en Dereito e Historia, graduado en Filosofía e certificado de Estudos Europeos pola Universidade de Navarra (Cátedra Jean Monnet). Ocupou diversos postos na administración da Xunta de Galicia, nas Consellerías de Presidencia, Medio Ambiente e Medio Rural e desde marzo de 2019 é director de Administración da S.A. de Xestión  do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia.

Coordinación

MARIO CRECENTE

Doutor Arquitecto, desempeñou diversos cargos na administración nos campos do Patrimonio, o Urbanismo e o Turismo. No ano 2000 funda Crecente Asociados, empresa que, desde unha óptica arquitectónica, dedícase á activación dos máis diversos Patrimonios, a través dun Turismo responsable, creativo e planificado. Así mesmo, é profesor de xestión turística do patrimonio no grao e dobre grao de turismo (CENP-UDC).

Matrícula

O importe da matrícula é de 50 € e inclúe aloxamento na Casa Grande de Rosende (Sober)- se se desexa-, almorzo, café, comidas e traslados en autobús ás visitas programadas.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través do seguinte formulario antes do día 28 de agosto de 2019.

A Fundación Juana de Vega enviará email coa confirmación de admisión no curso logo da inscrición, coas indicacións para o pago da matrícula antes do 30 de agosto.

Máis información en info@juanadevega.org ou no teléfono 981.65.46.37.

Inscrición

Curso completo.

Patrocina


Descargas


Novas relacionadas

A Fundación Juana de Vega presenta as conclusións do primeiro seminario sobre as pegadas do Camiño de Inverno nas Paisaxes da Ribeira Sacra

Esta iniciativa, que forma parte do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia, tivo lugar dende o 2 ata o 6 de co obxectivo de analizar as paisaxes e os patrimonios da Ribeira Sacra da ma...


Comentarios