Cursos e xornadas

Seminario: As paisaxes culturais da montaña galega

A Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, coa colaboración do Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE-IDEGA-USC), organiza do 6 ao 8 de outubro un seminario de debate e intercambio acerca da cultura propia das paisaxes de montaña. Aínda que a reflexión práctica se centrará na parte alta do val do río Xares (parroquias de Ponte e Vilanova, concello da Veiga), contará cunha variada participación de especialistas na materia de contextos territoriais semellantes que facilitarán e enriquecerán a discusión local. 

Introdución

O encontro privilexiará unha visión multidisciplinar na que se poñan en valor cultural tanto o patrimonio tanxíbel como o intanxíbel presente nese tipo de paisaxes particulares. Preténdese contribuír deste xeito a determinar a súa sustentabilidade, nunha perspectiva global, pero tamén mediante o desenvolvemento dun estudo específico de protección, xestión e ordenación da paisaxe da zona, de acordo cos principios do Convenio Europeo da Paisaxe aprobado no ano 2000.

Obxectivo

O obxectivo xeral consistirá en propiciar un foro de debate aberto sobre as paisaxes culturais de montaña en clave de futuro, partindo do feito que normalmente domina unha lectura naturalista e ambiental da mesma. Por ese motivo as reflexións d@s conferenciantes descorrerán na liña de achegaren as chaves básicas dos procesos de posta en valor, planificación e conservación: extinción das actividades tradicionais, literatura oral e escrita, memoria histórica, problematización da relación entre patrimonio e paisaxe, restauración dos elementos materiais considerados patrimoniais, etc. Estas reflexións deben enriquecer a experiencia práctica.

A parte práctica distribuirase inicialmente en dúas sesións de elaboración de mapas colectivos, logo de senllos recoñecementos sobre o terreo co gallo de identificarmos os valores e os significados culturais das paisaxes de montaña do alto val do Xares, así como para determinarmos a súa sustentabilidade. No terceiro día realizaremos unha sesión final de debate, que culminará nunha exposición dos resultados acadados. O alumnado protagonizará este traballo, coa supervisión dos directores, que será vehiculado mediante dinámicas de grupo. A intención básica é dar xerado un documento de propostas a partir dunha análise e dun diagnóstico partillados que axude na toma de decisións na zona obxecto de estudo. Porase especial énfase na cartografía do patrimonio intanxíbel. O traballo será publicado a posteriori, para que quede a disposición pública, mediante un e-book con ISBN.

Ponte e Vilanova

As parroquias de Ponte e Vilanova constitúen un escenario privilexiado para a reflexión acerca das paisaxes culturais da montaña. Nelas acádanse as máximas alturas do territorio galego, que culminan nos 2127 m de Pena Trevinca. Do total de 5562 ha que suman ambas as dúas, algo menos dunha sexta parte da súa superficie (817 ha) atópase por riba dos 1800 m. Nunha situación natural, a vexetación arbórea ascendería até moi arriba, agás naquelas cristas máis rochosas e ventosas, ou nos cantís e nas abas cubertas de pedregais. Porén, este medio leva milenios sendo modificado polo ser humano, polo que agora dominan amplas superficies de mato (uceiras, xesteiras e piornais, etc.) e pasteiros, estes últimos en recuada desde que as actividades gandeiras comezaron a decaer. A cultura pastoral deixou pegadas moi relevantes que cómpre dar atopado e interpretado para que se dean convertido en patrimonio. Na actualidade, todo o territorio por riba da cota das aldeas de Ponte e Vilanova está protexida como Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ao abeiro da Rede Natura 2000.

A quen esta dirixido?

O curso está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, o que inclúe tanto a poboación local como o público especializado (titulad@s e estudantes/as universitari@s) en disciplinas como Xeografía, Ordenación do Territorio, Historia, Historia da Arte, Urbanismo, Arquitectura, Arquitectura da Paisaxe, Enxeñaría Forestal ou Humanidades.

Lugar de celebración

A Veiga [Biblioteca Municipal] / Ponte [Centro de Visitantes], agás nas horas de campo

Datas: 6, 7 e 8 de outubro de 2017
Duración: 30 horas

Programa

Venres 6 de outubro

09:30h

Entrega de documentación

10:00h

Inauguración

Juan Anta. Alcalde do Concello da Veiga
Isabel Aguirre. Directora da Escola Galega da Paisaxe
Rubén C. Lois. Director do Grupo de Investigación ANTE (IDEGA-USC)

10:30h

Conferencia inaugural:
Paisaje: de la mirada individual a la acción colectiva

Joan Nogué. Catedrático de Xeografía Humana, Universitat de Girona

12:00h

Imaxinarios paisaxísticos galegos: montañas invisíbeis?

Juan M. Trillo. Contratado Posdoutoral da Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela
Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela

13:30h

A paisaxe cultural da alta montaña galega:
traballo de campo até a Lagoa da Serpe*

Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela
Juan M. Trillo. Contratado Posdoutoral da Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela

19:00h

Elaboración dun mapa colectivo das paisaxes culturais vistas:
análise en base aos elementos, aos procesos e aos valores recoñecidos [no Centro de Visitantes de Ponte]

Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela
Juan M. Trillo. Contratado Posdoutoral da Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela

Sábado 7 de outubro

10:00h

Paisaje y cultura de las montañas andaluzas

Juan F. Ojeda. Catedrático de Análise Xeográfica Rexional, Universidad Pablo de Olavide

11:30h

Paisaje, literatura y montañismo en Cataluña

Joan Tort. Profesor Titular de Análise Xeográfica Rexional, Universitat de Barcelona

12:30h

Patrimonio paisajístico en ámbitos de montaña

Rocío Silva. Profesora Titular de Xeografía Humana, Universidad de Sevilla

14:00h

O patrimonio histórico da alta montaña galega:
traballo de campo nas Minas de Vilanova*

Ricardo Gurriarán. Doutor en Historia, Grupo HISTAGRA, Universidade de Santiago de Compostela
Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela

17:00h

O patrimonio histórico da minaría en Valdeorras

Ricardo Gurriarán. Doutor en Historia, Grupo HISTAGRA, Universidade de Santiago de Compostela

18:00h

Diagnóstico ao redor do mapa colectivo:
sustentabilidade e escenarios de futuro da paisaxe cultural de montaña [no Centro de Visitantes de Ponte]

Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela

Juan M. Trillo. Contratado Posdoutoral da Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela

Domingo 8 de outubro

10:00h

Paisajes de montaña y cambio climático:
¿hacia un desarrollo sostenible?

Arnau Queralt Bassa. Director do Consell Assessor per al Desenvolupament Sostenible de Catalunya

11:30h

A ordenación das áreas de montaña:
modelos internacionais e casuística galega

Rubén C. Lois. Catedrático de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela

12:30h

Protección y conservación de los paisajes culturales de montaña, bajo el signo de la contradicción

Josep Maria Panareda. Catedrático de Xeografía Física (xubilado) e Membro da Secció de Filosofia i Ciències Socials do Institut d’Estudis Catalans

15:30h

Traballo final:
que planificación para unha paisaxe cultural de montaña? Propostas para o alto val do Río Xares

Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela
Juan M. Trillo. Contratado Posdoutoral da Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela

17:30h

Presentación de conclusións

Valerià Paül. Profesor Interino de Análise Xeográfica Rexional, Universidade de Santiago de Compostela
Juan M. Trillo. Contratado Posdoutoral da Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela

* O traballo de campo forma parte do seminario, polo que é de asistencia obrigatoria. Resulta imprescindíbel traer botas de montaña (non por estrear), roupa de abrigo, chuvasqueiro e cantimplora.

Díptico

Matrícula

1. Modalidade ordinaria: inclúe material docente, cafés e xantares (venres e sábado con pícnic; domingo nun restaurante). Sen hospedaxe. 50€

O Concello da Veiga subvenciona o custo da matrícula ordinaria aos/ás residentes no concello.

2. Modalidade con hospedaxe: inclúe material docente, cafés, xantares (venres e sábado con pícnic; domingo nun restaurante), ceas e aloxamento en casas de turismo rural: 120 €

3. Modalidade especial para estudantes de calquera universidade galega e exalumn@s da Escola Galega da Paisaxe: inclúe material docente, cafés, xantares (venres e sábado con pícnic; domingo nun restaurante), ceas e aloxamento en refuxio de montaña. Achegarase copia da matrícula no caso dos estudantes dunha universidade galega que non estuden ou estudaran o Máster de Arquitectura da paisaxe Juana de Vega. Aforo limitado: esta modalidade pecharase cando se chege ao máximo número de prazas dispoñibeis no refuxio, por orde de inscricións. Para o hospedaxe no refuxio de montaña, cómpre levar saco de durmir e unha saba: 50€

Formulario de inscripción

Data límite de inscricións: 3 de outubro de 2017.

Condicións de matrícula: A Fundación Juana de Vega enviará email coa confirmación de admisión no curso logo da inscrición, coas indicacións para o pago da matrícula antes do 4 de outubro.

Máis información en info@juanadevega.org ou no teléfono 981.654.637.

Diploma e recoñecemento

O diploma acreditativo só se expedirá cando a asistencia sexa igual ou superior ao 85% do tempo. Faranse controis regulares de asistencia ao longo do seminario, tamén nas actividades de traballo de campo e nas sesións de elaboración e debate de mapas colectivos.

@s estudantes do Grao de Xeografía e Ordenación do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela poderán recoñecer este seminario como 1 crédito ECTS, de acordo coa Resolución Reitoral do 5 de xuño de 2017 (código de actividade CT2017/12). Para ese recoñecemento, @s alumn@s presentarán a solicitude na Unidade de Xestión Académica, onde se lles expedirá o impreso de liquidación de prezos públicos; aboados estes, o recoñecemento farase de plano e sen máis trámite.

Coordinadores

Valerià Paül

v.paul.carril@usc.es

Juan M. Trillo

juanmanuel.trillo@usc.es

Colabora

Novas relacionadas

Debate e intercambio de coñecementos sobre a cultura propia das paisaxes de montaña

O seminario terá lugar os días 6, 7 e 8 de outubro no municipio da Veiga...

Comentarios