Motivacións

A paisaxe é obxecto dunha crecente atención social nas sociedades avanzadas nas que Galicia se vai integrando. En consonancia con esta realidade, a Fundación Juana de Vega, en adiante a Fundación, realiza desde hai algúns anos, directamente ou en colaboración con outras entidades, diversas actividades neste eido.

A mais importante é o Master de Arquitectura da Paisaxe, creado no ano 2006 a través dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de A Coruña. Ao seu redor están outra serie de iniciativas que, en conxunto, definen unha liña de actuación estratéxica da Fundación.

A importancia das actividades de formación e investigación relacionadas coa paisaxe, recomendan que a Fundación agrupe a súa acción específica con obxecto de potenciar e mellorar a súa eficacia. Para elo, créase a Escola Galega da Paisaxe, un órgano interno da Fundación, dotado dun marco estábel e formal, con orzamento e medios propios, que lle permitan acadar os seus obxectivos.

Natureza e fins

Artigo 1º 

A Escola Galega da Paisaxe, constitúese como un órgano da Fundación, para a organización, desenvolvemento e xestión das actividades relacionadas coa paisaxe.

Artigo 2º

 A Escola Galega da Paisaxe carece de personalidade xurídica propia ao estare integrada na Fundación. As decisións sobre políticas de ámbito xeral que propoñan os órganos da Escola que se definen neste regulamento, serán sometidas á Xunta de Padroado da Fundación para a súa aprobación definitiva.

​Artigo 3º

 A Escola Galega da Paisaxe ten por obxecto promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecemento, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia da paisaxe e en temas con ela relacionados. Na procura dos seus obxectivos, a Escola fomentará a colaboración coas administracións públicas, as universidades, os centros de ensino, as empresas, os medios de comunicación, os colectivos profesionais e a sociedade en xeral.

Artigo 4º

A Escola Galega da Paisaxe, poderá realizar, entre outras, as seguintes actividades

  • Organizar cursos, congresos, conferencias, seminarios, xornadas, coloquios, foros de debate, etc, sobre diversos temas relacionados coa paisaxe. Especificamente, a Escola Galega da Paisaxe asumirá todas as actividades que na actualidade desenvolve a Fundación neste ámbito, entre elas, o Master de Arquitectura da Paisaxe.
  • Organizar exposicións, editar libros, catálogos ou calquera outro tipo de publicación divulgativa.
  • Outorgar premios de investigación ou que teñan por obxecto destacar e poñer en valor actuacións na paisaxe realizadas en Galicia, nos que se valorará especialmente o seu favorable impacto social.
  • Asesorar, orientar ou facer suxestións a institucións públicas ou privadas, na planificación, xestión e conservación da paisaxe.

Órganos de funcionamento

Artigo 5º

A Escola Galega da Paisaxe contará con un Comité de expertos formado por un mínimo de 7 membros e un máximo de 15, que serán nomeados pola Fundación por un período de cinco anos. Tamén formará parte do Comité o director da Escola.

Artigo 6º

Serán funcións do Comité, as seguintes:

  • Debater e analizar as diversas problemáticas que presenta a paisaxe en Galicia co obxecto de propoñer liñas de actuación e programas para que sexan desenvolvidos pola Escola. Dentro das súas reflexións, o Comité pode propoñer unha toma de posición da Escola en temas de interese público.
  • Orientar sobre o desenvolvemento de liñas de traballo e informar de experiencias que se estean a desenvolver no ámbito estatal, noutras Comunidades Autónomas ou noutros países.
  • Aprobar as liñas de actuación da Escola propostas polo director.
  • Coñecer e valorar os plans anuais de actuación así como o orzamento da Escola e a súa liquidación.
  • Promover e fomentar a colaboración con outras institucións para o desenvolvemento conxunto de actividades.
  • Asesorar ao director da Escola nos temas que este solicite.

Artigo 7º

O Comité de expertos reunirase de xeito ordinario unha vez ao ano, dentro do cuarto trimestre, sen prexuízo de que se poidan convocar reunións extraordinarias para tratar temas específicos.

Artigo 8º

A Escola Galega da Paisaxe contará con un director que será nomeado e cesado pola Fundación.Continuar siguiente columna

Artigo 9º

Serán funcións do director, as seguintes:

  • Representar institucional, académica e administrativamente á Escola.
  • Planificar, dirixir, coordinar e controlar as actividades da Escola.
  • Presentar ao Comité de expertos o plan de actuación para cada ano natural, coa descrición das actividades previstas e o orzamento dispoñíbel.
  • Presentar ao Comité de expertos a memoria anual de actividades e a liquidación do orzamento.
  • Expedir os diplomas e certificados acreditativos dos cursos, xornadas, seminarios, etc, realizados na Escola.
  • Convocar as reunións do Comité de expertos e propoñer os temas a debater.

Recursos administrativos e réxime económico

Artigo 10º

A Fundación proporcionará á Escola Galega da Paisaxe o apoio administrativo necesario para o funcionamento de esta.

Artigo 11º

A Escola Galega da Paisaxe contará co orzamento anual que lle asigne a Fundación, que poderá verse incrementado polos ingresos derivados das actividades propias que realice a Escola, así como polas achegas que poida obter derivadas de convenios con entidades públicas ou privadas.

Artigo 12º

A Fundación levará a contabilidade dos ingresos e gastos da Escola Galega da Paisaxe que se integrarán xunto cos demais ingresos e gastos da Fundación nas súas contas anuais.

Cláusula adicional

Artigo 13º

O presente regulamento poderá ser modificado por acordo do Padroado da Fundación.