Introducción

A paisaxe constitúe unha preocupación crecente nas sociedades avanzadas e é considerado como un elemento importante para a calidade de vida e a conservación do patrimonio natural e cultural que é necesario preservar.

Esta preocupación social plasmouse definitivamente no Convenio Europeo da Paisaxe, un tratado aprobado pola Unión Europea no 2004 e que España ratificou en novembro de 2007 para entrar en vigor en marzo de 2008.

Algunhas Comunidades contan tamén con lexislación propia sobre a paisaxe, inspirada no convenio europeo da paisaxeValencia foi a primeira en promulgar a Lei de Ordenación do Territorio e Protección da Paisaxe no ano 2004, e Cataluña fixo o propio no ano 2005 coa aprobación da Lei de Protección, Xestión e Ordenación da Paisaxe, xunto a outras iniciativas enmarcadas na nova política de paisaxe de Cataluña, entre as que destaca a creación do Observatori del Paisatge en outubro de 2004.

A terceira en incorporarse foi Galicia coa aprobación en xullo de 2008 da Lei de protección da Paisaxe de Galicia, que conforme coas disposicións do Convenio Europeo da Paisaxe, recoñece xuridicamente a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, con fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran, no marco do desenvolvemento sostible, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto trascende dos eidos ambientais, culturais, sociais e económicos.

Todas as lexislacións citadas contemplan como un instrumento imprescindible para a xestión da paisaxea formación e a sensibilización da sociedade respecto o valor e á importancia da paisaxe.

A Fundación, en consonancia con esta preocupación social desenvolve desde o ano 2003 unha serie de actividades formativas relacionadas coa paisaxe, tales como a organización de xornadas anuais sobre xardinería e paisaxismo, colaboracións con outras institucións para a organización de cursos relacionados co desenvolvemento sostible e o territorio. Como actividade de sensibilización social creou no ano 2004 o Premio Juana de Vega de Arquitectura destinado a recoñecer a mellor vivenda unifamiliar construída no medio non urbano de Galicia, e desenvolve xornadas de sensibilización sobre “Vivenda e Paisaxe”. Tamén ten editado varios libros para a posta en valor dos recursos paisaxísticos de determinadas áreas xeográficas de Galicia.

No 2006 creou, conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña, o Master de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, master que está homologado a nivel europeo polo Consello Europeo de Escolas de Arquitectura da Paisaxe. Desde o ano 2010 é un título propio de ambas universidades.

Coa creación no ano 2008 da Escola Galega da Paisaxe, a Fundación pretende potenciar e mellorar a eficacia da súa liña de actuación no ámbito da Paisaxe, integrando nela todas as actividades que viña desenvolvendo relacionadas coa mesma e outras que se desenvolven desde esa data.