Historia

Foi constituída no ano 1872, por vía testamentaria por Dª Juana María de la Vega Martínez y Losada, Condesa de Espoz e Mina.

Durante moitos anos, a Fundación Juana de Vega tivo problemas para levar adiante o que daquela era o seu principal obxectivo, consistente en crear unha escola teórico - práctica de agricultura; pois a súa vontade fundacional estableceu que para o seu mantemento, sería preciso contar coas institucións públicas provincias, cousa que nunca se conseguiu materializar.

Ante esta situación, a Xunta de Padroado comezou na década de 1970 un expediente de cambio de fins dentro do espírito fundacional, que fixera posible o funcionamento práctico da institución. O mesmo tempo, levouse a cabo un rigoroso e profundo inventario dos bens da Fundación para determinar con exactitude o seu patrimonio. Dende Xullo de 1985, a Fundación Juana de Vega está inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Xunta de Galicia.

Unha vez superada esta laboriosa fase, a Xunta de Padroado decidiu reiniciar as actividades fundacionais adaptadas ás circunstancias actuais, pois a pesares do tempo transcorrido e dos indubidables avances sociais, Galicia segue moi necesitada de mellorar o nivel técnico das persoas que se dedican á agricultura, á gandería e sectores derivados, preocupación básica de Dª Juana de Vega.

A nova etapa comezou coa realización de Convocatorias de Becas de Estudios, para as carreiras de Veterinaria, Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, Enxeñeiros Técnicos Forestais, Enxeñeiros Agrónomos e Enxeñeiros de Montes.

Anos máis tarde, no 1992, a Fundación firma un convenio de colaboración coa Universidade de A Coruña, polo que se pon en marcha un Curso de Especialización en Xestión de Empresas Agroalimentarias.

Así mesmo, mantéñense colaboracións anuais coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (U.I.M.P.), consistentes no patrocinio de cursos de verán.

No ano 1996 fírmase un convenio co Concello de Oleiros que permite rehabilitar a Casa Pazo a Carballeira, sita en San Pedro de Nós, na que se instala a Sede da Fundación, e na que funciona ademais, contando co patrocinio da Fundación, unha Escola Vinculada ó Uso Natural do Chan.

Desde esa data, a Fundación incrementa notablemente o número de actividades e no ano 2004 modifica os seus estatutos ampliando o ámbito de actuación a toda Galicia e incluíndo dentro do obxecto social, o impulso e a difusión da vida e obra de Dª Juana de Vega e do seu contexto histórico.

Dentro das novas actividades cabe destacar a creación no seno da Universidade de Santiago de Compostela da Cátedra Juana de Vega, a implantación do Master Juana de Vega de Arquitectura da Paisaxe, o impulso dunha liña de actividade centrada na investigación, e a creación da Escola Galega da Paisaxe.