Doazóns

A Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega é unha entidade non lucrativa, de interese público galego e de natureza privada, constituída no ano 1872 por Dª Juana de Vega, unha muller ilustrada e liberal, que ao finar sen descendencia, deixou todo o seu patrimonio para constituír esta Fundación, co obxectivo de mellorar as condicións de vida das persoas que vivían no medio rural.

Actividades

As principais liñas de traballo da Fundación Juana de Vega son: (1) apoiar o emprendemento no ámbito agroalimentario e forestal, (2) financiar proxectos de investigación, que contribúan a mellorar a base científica e a competitividade do noso sector primario e das empresas transformadoras a el vinculadas, e (3) fomentar, mediante a formación e a sensibilización social, un desenvolvemento territorial equilibrado, compatible co mantemento e preservación da nosa natureza e da nosa paisaxe, como elementos fundamentais da cultura colectiva e da calidade de vida das persoas que habitamos Galiza.

Unha entidade independente que traballa en base aos rendementos do seu patrimonio

A Fundación Juana de Vega é unha entidade que actúa con autonomía na procura dos seus obxectivo fundacionais, ao non estar vinculada a ningunha outra organización económica ou política. Para poder servir á sociedade galega con independencia, dispón dos rendementos do patrimonio que lle deixou Dª Juana e que segue a ser a base principal do traballo da Fundación a prol da mellora económica e social do espazo rural.

Como contribuír ao desenvolvemento do labor da Fundación Juana de Vega?

Calquera persoa, física ou xurídica, pode axudar ao desenvolvemento de novas actividades da Fundación e á expansión das que actualmente executa por medio dunha doazón (acto inter vivos) ou ben por medio dunha herdanza ou legado (actos mortis causa). As achegas de persoas e empresas interesadas en apoiar o desenvolvemento dos sectores primarios da nosa terra son fundamentais para reforzar a capacidade de actuación da Fundación Juana de Vega, inserida, desde hai máis de 140 anos, na sociedade civil galega.

Doazón

É un acto voluntario, polo que calquera persoa, en vida, cede a un terceiro sen contraprestación, un ben ou un dereito (fincas, inmóbeis, diñeiro, valores, …), podendo reservarse ou non, o usufruto mentres viva (entrega a propiedade pero non o uso e desfrute do ben ou dereito doado).

Vantaxes fiscais

As doazóns poden ter vantaxes fiscais dependendo de quen sexa o destinatario das mesmas.

As doazóns a entidades sen fins lucrativos acollidas á Lei 49/2002, Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado, como é o caso da Fundación Juana de Vega, teñen as seguintes vantaxes desde o 1 de xaneiro de 2016:

  • 75% de dedución para os primeiros 150,00 euros doados por persoas físicas.
  • 30% para a parte que exceda dos primeiros 150,00 euros (35% para doazóns fidelizadas a unha mesma entidade, é dicir, cando se leva doado á mesma entidade tres anos consecutivos). O límite da base da dedución, tanto neste caso, como no anterior, é do 10% da base liquidable do contribuínte.
  • 35% de dedución no Imposto de Sociedades para persoas xurídicas. O límite da base dedución é do 10% da base impoñible do período impositivo. Cando se leve doado tres anos consecutivos á mesma entidade, o terceiro ano e os seguintes, a dedución será do 40%.
  • As persoas físicas, están exentos de tributar no IRPF polos incrementos patrimoniais que se produzan con ocasión das doazóns realizadas a favor dunha entidade sen fins lucrativos, acollida á citada lei 49/2002. As persoas xurídicas gozarán de exención no Imposto sobre Sociedades polas rendas positivas que se poñan de manifesto como consecuencia da doazón. E tanto as persoas físicas como as xurídicas, nos casos referidos, estarán tamén exentas do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU).

Herdanza

Unha herdanza está formada por un conxunto de bens, dereitos e obrigas (patrimonio) dunha persoa, que perduran no tempo máis aló da súa vida. O titular destes bens ten a facultade de dispor deles para despois da súa morte por medio dun testamento, que, polo xeral e para evitar problemas posteriores, soe outorgarse ante notario. As únicas restricións legais á vontade do testador son as derivadas da posíbel existencia de familiares nos que recaia a condición de herdeiros forzosos. En virtude desta limitación, se o causante ten descendentes debe destinarlles por obriga legal unha parte do seu patrimonio. A Lei de Dereito Civil de Galicia establece que a lexítima obrigatoria para os descendentes é dunha cuarta parte dos bens, por tanto o que fai testamento na nosa Comunidade Autónoma pode dispor libremente das tres cuartas partes restantes do seu patrimonio. De non existir herdeiros forzosos, pódese instituír como herdeiro universal a calquera persoa física ou xurídica.

Legados

Un legado é unha disposición testamentaria que afecta a unha parte do patrimonio que se transmite por herdanza e que pode facerse sobre aquela porción que non lle corresponde obrigatoriamente aos herdeiros lexítimos. A parte da herdanza que é de libre disposición pode por tanto deixarse, mediante legados de determinados bens e dereitos, a unha ou varias persoas, tanto físicas, que non sexan herdeiras forzosas, como xurídicas.

Os legados deben outorgarse obrigatoriamente no testamento de forma expresa.

Que ocorre se non hai herdeiros forzosos, nin cónxuxe e non se fai testamento?

No caso de que unha persoa fine sen herdeiros forzosos, sen cónxuxe e sen outorgar testamento, ábrese unha sucesión que se denomina  “intestada” ou “abintestato”. Nestes casos, a propia lei determina cales son os herdeiros e a orde na que son chamados a suceder. Non habendo descendentes, nin ascendentes nin cónxuxe, serían os parentes colaterais (irmáns do finado, sobriños, irmáns do pai ou da nai do finado,…), en defecto destes, herdarían os demais parentes ata cuarto grado (curmáns). Máis aló do cuarto grado non é posible herdar se non hai testamento.

En ausencia de testamento e non existindo parentes do finado que poidan herdarlle, o Estado sería o herdeiro, aínda que precisará unha declaración xudicial que o institúa como tal.

Que compromisos asume a Fundación Juana de Vega con respecto das doazóns, herdanzas ou legados dos que sexa beneficiaria?

Como é preceptivo, a Fundación Juana de Vega destinará os bens e dereitos que reciba, ao cumprimento dos seus fins fundacionais, é dicir ao desenvolvemento de actividades que contribúan ao desenvolvemento económico e social do medio rural de Galicia e á mellora da calidade de vida dos que o habitan.

As doazóns en diñeiro de pequena contía serán destinadas directamente ao desenvolvemento das actividades en curso da Fundación. Se a doazón de diñeiro é dun importe significativo, integrarase no patrimonio fundacional para investirse e dedicar os réditos que produza a financiar o desenvolvemento das actividades propias.

No caso de recibir outros bens, tales como terreos, inmobles ou explotacións económicas, a Fundación tratará de manter, si é posíbel, estes bens, negocios, terras ou inmóbeis no uso que teñen no momento da doazón. Todo este tipo de bens incorporaranse tamén á base patrimonial da entidade que é administrada na procura de rendementos que sosteñan o cumprimento de fins fundacionais.

O doante, se o desexa, pode indicar a que actividade, das desenvolvidas pola Fundación Juana de Vega, desexa que se destine a súa achega ou os rendementos que se obteñan dela. Se a actividade elixida deixara de realizarse no futuro ou tivera un volume moi reducido para os réditos obtidos, a Fundación substituiría, total ou parcialmente, o fin elixido polo doante por outro que sexa o máis similar ao inicial.

Procedemento para facer unha doazón ou deixar unha herdanza ou legado á Fundación Juana de Vega

Se desexa facer unha doazón ou deixar unha herdanza ou legado á Fundación, pode contactar con nós no teléfono 981.65.46.37 ou por e-mail info@juanadevega.org. Trataremos de asesoralo sobre o procedemento a seguir.

Se o prefire, tamén pode acudir directamente ao notario da súa elección, indicando que desexa facer un doazón, ou ben outorgar un testamento no que institúa á Fundación, ben como herdeira universal no caso de que non teña herdeiros, ou ben como legataria, no caso de que lle queira deixar uns bens ou dereitos determinados, indicando os seguintes datos:

Nome social: Fundación Juana de Vega.
Domicilio social: Rúa Salvador Allende, nº 92, 15176 San Pedro de Nós-Oleiros (A Coruña)
CIF: G15050602
Número de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galegoda Xunta de Galicia: 58