La Fundación Juana de Vega integrará sus investigaciones sobre viticultura en el proyecto europeo WINETech Plus coordinado por FEUGA.

Share

Santiago, 13 de maio de 2013.– O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, asinou hoxe un convenio de colaboración co director da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Javier Pereiro Pérez, que permitirá integrar nun proxecto europeo coordinado en España pola FEUGA, as liñas e proxectos de investigación que a Fundación Juana de Vega vén desenvolvendo en colaboración con entidades como o Consello Superior de Investigacións Científicas, no eido do sector agroalimentario e máis concretamente, do vitivinícola.

A sinatura do convenio pon de manifesto a vontade das dúas institucións de apoiar o máximo desenvolvemento dun sector estratéxico para Galicia cun grande potencial de crecemento, como é o vitivinícola, así como a súa aposta por colaborar coas institucións universitarias para avanzar conxuntamente no campo da I+D+i, aunando a organismos públicos de investigación e a entidades privadas.

O proxecto, ao que se suma desde hoxe a Fundación Juana de Vega, denomínase WINETech PLUS – Comunidad de Innovación y Nuevas Tecnologías en Viticultura, do que forman parte once entidades da Unión Europea que abranguen desde universidades ata centros de investigación de prestixio internacional.

A través de proxectos como WINETech, FEUGA realiza actividades orientadas ao fomento das relacións empresa-universidade como ingrediente básico do incremento dos niveis de formación, de desenvolvemento tecnolóxico e da competitividade das empresas galegas. Entre os seus obxectivos principais consta contribuír a mellorar as capacidades empresariais, aplicar nas empresas os coñecementos e tecnoloxías dispoñibles nas universidades e mellorar a formación e cualificación dos recursos humanos.

En virtude deste convenio, a Fundación Juana de Vega incorporará ao proxecto as liñas de investigación en curso e os resultados que se acaden en proxectos como o que está a desenvolver co Consello Superior de Investigacións Científicas, a través do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, que ten como obxectivo estudar a virulencia dos fungos que afectan ás cinco denominacións de orixe galegas e no que participan adegas que abranguen zonas de produción como Rías Baixas, Ribeira Sacra ou Valdeorras. Esta investigación está permitindo deseñar un programa individualizado, o primeiro destas características que se realiza en España, para identificar e describir as razas galegas destes fungos, o que permitirá deseñar ferramentas máis eficaces de tratamento antifungo, reducir os custos de produción e os efectos negativos deses tratamentos sobre o medio ambiente.

Tamén se integra no proxecto WINEtech PLUS a investigación impulsada pola Fundación Juana de Vega e recollida nun libro editado o pasado ano, sobre o potencial vitícola da zona de Betanzos e a recuperación de dúas das súas variedades ancestrais, desenvolvida conxuntamente co CSIC e a Xunta de Galicia. Este proxecto permitiu a inscrición das variedades Branco Lexítimo e Agudelo no Rexistro de Variedades Comerciais do Ministerio de agricultura, alimentación e medio ambiente. Por tanto, os viños elaborados a partires desas variedades, poderán seguir os pasos dos grandes viños das distintas denominacións de orixe de Galicia.

Ademais de aportar as súas liñas de investigación e sumarse ao impulso e financiamento de novos proxectos desenvolvidos no marco deste programa europeo, a Fundación Juana de Vega porá a disposición dos socios do proxecto a súa experiencia na formación nos eidos da viticultura e a enoloxía, abrindo a porta á participación dos socios nas numerosas iniciativas desenvolvidas neste sentido, que abranguen desde a formación teórica ata a práctica en fincas e bodegas experimentais.

O convenio permitiralle á Fundación Juana de Vega formar parte do Comité Avaliador Asesor de WINEtech PLUS, órgano de coordinación e seguimento encargado da avaliación e impacto e do asesoramento externo ao proxecto. Tamén terá acceso a catálogos de demandas empresariais de oferta tecnolóxica de investigadores, carteiras de proxectos e liñas de I+D, funcionando como Laboratorio de Ideas de Proxecto de interese para a Fundación Juana de Vega e os demais socios do proxecto.

O convenio asinado hoxe coa Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) permitiralle á Fundación Juana de Vega formar parte do WINETech PLUS, outorgándolles rango internacional a proxectos desenvolvidos por esta como o estudo sobre os fungos que atacan ás variedades das denominacións de orixe galegas ou a recuperación dos viños de Betanzos para a sú a explotación comercial.

A colaboración coa FEUGA, coordinadora deste programa europeo en España, pon de manifesto a vontade de ambas entidades de impulsar o desenvolvemento dun sector estratéxico con gran potencial de crecemento e fomentar a colaboración de entidades públicas e privadas no eido da investigación e transferencia de resultados.